Os motores ruxirán en Ponte Caldelas os días 3 e 4 de setembro
Por Redacción
A Praza de España de Ponte Caldelas acolleu este domingo a presentación da V Subida a Ponte Caldelas, o evento do motor máis importante da comarca que se celebrará os días 3 e 4 de setembro.
O alcalde da vila, Andrés Díaz, participou na presentación do evento xunto cos concelleiros Enrique Vidal e Aurora Garrido, a deputada Noemí Outeda e os directivos da Escudería Ponte Caldelas, encargados da organización a Subida.
Os acompañaron Jorge Ampudia co seu Peugeot 206 RC; Marcos Díaz co Semog Bravo Car Cross; José Baqueiro cun La Base Motorclub RX01 e Iván López co seu 106 XSI.
Pola súa banda, da Escudería Ponte Caldelas participaron Diego Rodríguez (presidente); José Luís Ucha (secretario), Diana Rivas (tesoureira), Ángel Boullosa (vogal) e Jesús Estévez (vogal), que este ano se estrean na organización do evento como nova escudería, pero cunha ampla experiencia.
Durante a presentación, Díaz lembrou ao piloto Víctor Magariños, falecido o ano pasado, "que sempre apoiou e promocionou a nosa Subida e a quen este año lle adicamos a proba".
Como novidade nesta ocasión, a Subida sairá do casco urbán, dende a Estrada do Balneario, atravesará a PO-244 (estrada Ponte Caldelas-Soutomaior) e ascenderá por Rebordelo pola EP-0201 ata rematar na estrada que une Rebordelo e A Esfarrapada. As verificacións técnicas terán lugar no recinto do CEIP Cordo Boullosa mentres que o parque de custodia será na Praza de España.