Un gañador de etapa de La Vuelta dá lustre ao Desafío Delio Fernández
Por Redacción
O prazo para inscribirse na quinta edición do Desafío Delio Fernández conclúe este mércores e nas últimas horas á lista de participantes sumouse un dos corredores máis carismáticos do ciclismo profesional español. Ángel Madrazo, xefe de filas do Burgos-BH e gañador dunha etapa na Vuelta a España 2019, formará parte do pelotón que rodará este domingo pola comarca do Morrazo.
A gran amizade que une a Madrazo co padriño da marcha e un contratempo de saúde, que para o buque insignia do Burgos-BH chegou no peor momento da tempada, explican a súa presenza na liña de saída de Moaña. O cántabro deu positivo por covid-19 días antes do arranque da Vuelta a España, o seu gran obxectivo desta campaña.
"Mentres superaba o virus sen practicamente síntomas, recibiu a invitación de quen foi o seu compañeiro nas filas do Delko Marseille durante dous anos e non dubidou en unirse ao Desafío Delio Fernández", explican desde a organización.
O domingo 28 de agosto, a partir das 9.15 horas, arrincará unha marcha cicloturista que combina a beleza das paisaxes das rías de Vigo e de Pontevedra cunha dureza do terreo que irá en aumento co transcurso da xornada. O pelotón dará unha volta completa á comarca do Morrazo na primeira parte da proba, con saída desde Moaña ata o avituallamiento do quilómetro 52 en Vilaboa.
Esta primeira parte presenta un perfil favorable para rodadores que inclúe os pasos por concellos de Cangas, Bueu, Marín e Pontevedra.
A organización marcará a velocidade da marcha ata o inicio da primeira ascensión, o Alto de Cruz de Maceira. Nas ramplas deste porto que arrinca en Meira (Moaña), quilómetro 69, cada ciclista terá liberdade para pedalear ao ritmo que considere conveniente. A cima alcanzarase tras 8 quilómetros de subida ao 4,2 % de desnivel medio.
Pero a principal novidade do percorrido desta edición chegará en forma de traca final. A subida a Pastoriza estréase no Desafío Delio Fernández e faio como alto cronometrado.
Coñecido no pelotón galego como o ‘Mortirolo do Morrazo’, con ramplas de ata o 13 %, cada participante poderá espremerse ao máximo para marcar o mellor tempo nos 3,8 quilómetros de subida, cunha esixente porcentaxe media do 8,2%, dun alto que se localiza no Concello de Marín.