A primeira carreira popular da Festa das Dores estréase con máis de 300 corredores
Por Redacción
A primeira edición ca carreira popular da Festa das Dores contará coa participación de 308 persoas. Esta proba, que organiza o Concello de Ponte Caldelas e o Club Atletismo Rías Baixas coa colaboración da Federación Galega de Atletismo (FGA), está pensada tanto para atletas federados coma non federados e conta con percorridos adaptados a todas as categorías.
As inscricións online pecháronse o martes cun total de 308 persoas inscritas: 159, na categoría absoluta; 35, na sub 16 e sub 18; 20, na sub 14; 33, na sub 12; 21, na sub 10; 22, na sub 8; 10, en pitufos e 8, en chupetes.
As carreiras están previstas para este venres a partir das 20 horas da tarde coa Avenida de Marín como centro neurálxico. Por esta vía correrán primeiro os corredores das categorías sub 8, pitufos e phupetes.
A continuación, será a quenda dos participantes nas categorías benxamín ata cadetes, que completarán un circuito polas rúas Avenida de Vigo, Paseo Mamá Clotilde, e Avenida de Marín, ao que darán unha ou dúas voltas dependendo da categoría.
A carreira absoluta conta cun circuito de 1.373 metros ao que os inscritos darán tres voltas, para completar un percorrido de 4.150 metros.
A saída será na Avenida de Vigo, para continuar ata a ponte sobre o río Verdugo, facendo un troco de sentido xusto antes da ponte; para voltar pola mesma avenida ata desviarse a dereita polo Paseo Mamá Clotilde, e seguir cara a Avenida de Marín onde estará situada a meta.
A presentación da I Carreira Popular Festa das Dores, na que participou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, membros do Club Atletismo Rías Baixas e as novas promesas do atletismo local, estivo apadriñada por Gustavo Dacal, atleta de Ponte Caldelas que foi dez veces campión de España en lanzamento de xavelina entre 1999 e 2009.