Pasarón agarda chegadas de última hora, pero non saídas
Por Manu Otero
As últimas horas do mercado de fichaxes van ser frenéticas en todas as categorías do fútbol español. Tamén para o Pontevedra. Desde a dirección deportiva non farán valoracións ata o peche do mercado, pero na rolda de prensa previa ao partido contra o Sanse, o adestrador Antonio Fernández xa deixou entrever que haberá movementos.
"Están a traballar e verase no transcurso das horas. Temos que estar tranquilos porque o que se está facendo está a facerse ben", dixo sobre a posibilidade de incorporar algunha peza nova de última hora.
Moito máis tallante foi para descartar saídas. "Non contemplo ningunha saída", declarou en referencia a posibles ofertas por xogadores importantes do plantel. Con todo, non se descarta que haxa algunha baixa que, en todo caso, será acordada co adestrador. "É algo que a dirección deportiva valoraría comigo se houbese unha saída dese calibre", matizou o técnico que "agora mesmo conto con todos para o sábado".
Tampouco quedaría instisfecho o preparador se o plantel quedase tal e como está. "Está compensada como para manexar diferentes rexistros. Temos polivalencia en case todas as demarcacións e iso fai grande a un equipo", afirmou.
Con todo, ao ser cuestionado sobre os xogadores da canteira que poderán ter ficha co primeiro equipo, o adestrador nado en Ourense unicamente fixo referencia a Valentín Jaichenko e Sergio Abal. Non mencionou Antonio Fernández a Martín Diz, que este ano ten moita competencia na súa demarcación e podería ver con bos ollos unha saída para seguir gañando minutos e, ao mesmo tempo, despexar unha ficha sub 23 para reforzar posicións peor cubertas.
Sobre os outros dous canteiráns, declarou o técnico que "van ter o rol de poder participar connosco, pero a categoría é a que é e o salto é bastante grande. En pretemporada participaron connosco e estou moi contento co que fixeron", dixo sen precisar se terán ficha co primeiro equipo ou co filial.
A falta de poucas horas para o peche do mercado e contando coa inscrición no primeiro equipo de Valentín e Abal, o Pontevedra só tería unha praza sub 23 sen asignar. As tres restantes pertencen a Viktor Nikolov, Libasse Gueye e Miguel Román.
A dirección deportiva peitea o mercado en busca dun central sub 23 que complemente a zaga formada por Churre, Soto e Luís Martínez.
Se se presenta unha boa oportunidade, tampouco descartan contratar a un lateral ou un centrocampista de corte defensivo. Pero estes movementos obrigarían a deixar fóra do primeiro equipo a Valen, Abal ou Martín Diz.
Relacionadas:
-
Acordo a tres bandas entre Leganés, Pontevedra e DUX para a cesión do mediocentro Álex Masogo
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra afronta o último día de mercado con tres fichas sub 23 sen dono
Por Manu Otero |
-
A RFEF dá un ultimato ao DUX e o Talavera confía en ocupar a súa praza en Primeira Federación
Por Manu Otero |