Carlos Alcaraz, de finalista do ITF Júnior de Sanxenxo a campión do US Open e número 1 mundial
Por Diego Espiño
O tenis mundial ten novo rei, sendo ademais o máis novo da historia en alcanzar o número 1 da clasificación. Non é outro que o murciano Carlos Alcaraz, que aos seus 19 anos proclamouse vencedor do US Open, o seu primeiro Grand Slam, ao vencer na final disputada na noite do domingo ao luns en Nova York ao noruegués Casper Ruud.
Alcaraz vén apuntando desde hai anos como unha estrela en cernes, e sábeno ben no Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo, e é que o español causou sensación na edición de 2018 do Torneo Internacional Júnior ITF de Sanxenxo.
Entón, e con só 15 anos, Carlos Alcaraz chegou á final do torneo gañando a xogadores de maior idade e cedendo unicamente ante o británico Jacob Fearnley en tres lembradas mangas (6-2, 4-6, 7-6).
A súa foto co trofeo de subcampión en Sanxenxo gárdana xa como ouro en pano no club organizador do torneo ITF Júnior máis antigo de España.
O triunfo de Alcaraz no US Open non é en todo caso o único motivo de orgullo para o CCD Sanxenxo, xa que o seu rival na final e subcampión ademais de Rolland Garros, o noruegués Casper Ruud, tamén pisou as pistas do club na edición de 2014, confirmando que por Sanxenxo pasan cada ano as mellores promesas do panorama internacional.
Tamén se demostra isto mirando ao cadro júnior do US Open recentemente finalizado, e é que o campión, o español Martín Landaluce, gozou dunha invitación o pasado ano no ITF de Sanxenxo, cita na que tamén participou o seu rival polo título, o belga Guilles Bailly.
"Criamos que o ITF World Tennis Tour Junior era e segue sendo, unha etapa extraordinaria na formación dos mellores xogadores do mundo sub18. O tempo está a darnos a razón, se nos fixamos nas roldas finais do US Open 2022 vemos moitas caras coñecidas", recoñecen con orgullo Paco Hernández e Noli Alvarez, presidente e director deportivo do CCD Sanxenxo, con ganas de que chegue xa a súa próxima edición.