Ignacio Vilas, un pontevedrés con pasaporte para o Mundial Ironman de Hawaii
Por Diego Espiño
Cando en 2011 Ignacio Vilas Eguileta iniciouse no triatlíon, cunha pequena proba en distancia supersprint na Casa de Campo de Madrid, non imaxinaba ata onde ía chegar apenas 11 anos despois.
Este pontevedrés de 42 anos acaba de conseguir o 'slot' para o Campionato do Mundo Ironman de Kona, en Hawaii, para 2023, ou o que é o mesmo, a súa clasificación na categorìa de grupos de idade 40-44. Conseguiuno despois de terminar o pasado 17 de setembro o Ironman de Maryland, Estados Unidos, no posto 22 da xeral e cuarto da súa categoría cun tempo de 9 horas, 30 minutos e 4 segundos.
"Cando empecei no tríatlon o meu soño distante era acabar un Ironman, pero baixar das barreira das 10 horas víao como algo para superheroes", explica a PontevedraViva desde a súa actual residencia na localidade portuguesa de Aveiro.
"Xamais pasou pola miña cabeza chegar a Kona, polo menos ata 2015 en Frankfurt, cando baixei por primeira vez desa marca e quedei a 15 minutos do último slot", asegura. A partir de entón comezou a adestrar duro para mellorar co soño de chegar á meca do tríatlon polo menos unha vez, algo reservado só aos elixidos por moito que se consiga nas categorias de idade, xa que os billetes son realmente escasos.
Ignacio Vilas, que compite con licenza do Tríatlon Majadahonda, conseguiuno ademais a pesar de adestrar habitualmente só, o que "é duro porque non hai ninguén que tire de ti". Un esforzo que mereceu a pena con fartura e que quere gozar cos seus seres queridos, porque "para min é un agasallo e quérome ir coa familia".
Para iso, iso si, deberá rascar o peto, xa que só o 'slot' e a licenza para competir en Kona suman case 1.600 euros, ao que haberá que engadir billetes de avión, hotel e estancia.
O resultado, aínda que buscará o mellor posible, é case o de menos, sabendo que as condicións típicas de calor e humidade de Hawaii van converter a experiencia en algo "duro, pero é parte da épica". Ademais "gústanme os tríatlons duros, corrín en Malaisia ou Cozumel e non me adoita ir mal a calor". Soñar non só é gratis, senón que moitas veces acábase convertendo en realidade.