A falta de gol a domicilio, un mal que se enquista no Pontevedra
Por Diego Espiño
Ao Pontevedra Club de Fútbol está a custarlle horrores ver porta esta campaña na Primeira RFEF. É de feito xunto a Talavera, Ceuta e Balompédica Linense o equipo con menos goles a favor no seu haber tras 11 xornadas de competición, con oito dianas. Pero a situación é aínda máis grave cando xoga lonxe de Pasarón.
Na casa os de Antonio Fernández seguen imbatidos, pero cando actúan de visitantes a cousa cambia, sumando un único punto (Riazor) de 18 posibles. Un baixo rendemento fóra da casa que se explica sobre todo por esa falta de puntería.
Tanto é así que os granates só viron porta nunha ocasión, precisamente no feudo do Deportivo. Naquel partido Brais Abelenda anotou no minuto 56 un gol que a punto estivo de supoñer o triunfo. Desde entón e sumando a derrota deste pasado domingo fronte ao Real Madrid Castilla, son xa 394 minutos (máis tempo de desconto) os que o Pontevedra leva sen anotar a domicilio.
Unha pesada laxa que emborrona encontros nos que a actuación xeral non foi mala, como sucedeu en Linares ou no propio duelo contra o filial madridista, e que deixa os granates como un dos peores visitantes da categoría. Nesta estatística só o pechacancelas Talavera (0 puntos) suma menos lonxe do seu estadio, estando empatados precisamente co próximo equipo que visitará Pasarón, un Fuenlabrada que só logrou un empate a domicilio (Unionistas) xunto a catro derrotas (Córdoba, Cultural Leonesa, Rayo Majadahonda e San Fernando).
Polo menos ao equipo pontevedrés quédalle esta semana a esperanza de que o seu próximo encontro, un importante duelo ante o Fuenlabrada (sábado 20 de novembro, 19.00 horas), xogarase ao abrigo dos seus afeccionados. Despois chegará ademais a visita a un Ceuta que só suma tres puntos e que non puntuou aínda como local. Un momento importante da tempada para tentar reaccionar.
De todos os xeitos todo iso queda en 'stand by' durante polo menos unha semana, e é que os granates aparcarán por uns días a competición ligueira para centrarse en seguir vivos na Copa do Rei. Para iso deberán superar o Manresa de Segunda RFEF nunha eliminatoria a partido único que terá lugar o vindeiro domingo 13 de novembro (12.00 horas) fóra da casa. Unha oportunidade de ouro tamén para recuperar sensacións como visitante.
Relacionadas:
-
O Pontevedra vence e convence en Ceuta para facerse coa súa primeira vitoria a domicilio en liga (1-2)
Por Almu Dapena |
-
Un Pontevedra con "mentalidade gañadora" viaxa a Ceuta a por a súa primeira vitoria a domicilio
Por Almu Dapena |
-
O Pontevedra remonta en Manresa e sela o seu pase á seguinte rolda da Copa do Rei (1-3)
Por Almu Dapena |
-
Antonio Fernández: "A Copa non se xoga todos os anos, hai que darlle o valor que ten"
Por Diego Espiño |
-
Manresa desborda ilusión para recibir o Pontevedra na Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Con (case) todos para afrontar o reto da Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
Pasar de rolda na Copa do Rei cotízase caro para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández: "Estivemos moi ordenados e dificultamos moito ao Castilla"
Por Almu Dapena |
-
Arribas sentenza a un defensivo Pontevedra que segue sen gañar fóra da casa (1-0)
Por Almu Dapena |