Derrota con honras para un sensacional Teucro (22-23)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Ata o último segundo de partido mantivo o Teucro a esperanza de lograr a proeza e eliminar ao Balonmano Granollers nos oitavos de final da Copa do Rei (22-23).
Emoción a mancheas, igualdade e un ambiente que fixo honor á historia que había na pista, decano e vicedecano do balonmán nacional, foron os ingredientes dun partido que, como recoñeceu o técnico visitante, "podría haberse decantado por cualquier bando".
En ningún momento os azuis sentíronse inferiores ao seu rival, segundo clasificado da Liga Asobal, crendo na xesta e empregándose a fondo desde o inicio.
Cunha defensa que rozou a perfección, intensidade, concentración e coraxe, ao que se engadiu o apoio dunha afección envorcada, o Teucro non lle perdeu a cara ao encontro, nin sequera cando o conxunto catalán situouse en varias ocasións tres goles arriba.
Antes o partido comezara cun equipo local que se adiantou nos primeiros minutos (4-2), nos que o Granollers non lograba tomarlle o ton ao choque.
Pronto os cataláns se entonaron para igualar e empezar a dominar, pero sempre co alento dos teucristas na caluga e coa incomodidade de non lograr atacar con facilidade a defensa azul, con constantes alternancias entre o 6-0 e o 5-1, na que Armán actuaba de adiantado.
Da man dun entonado Salinas os visitantes abriron por primeira vez brecha pouco antes do descanso (7-10), pero o Teucro non se descompuxo malia a desventaxa no intermedio (11-13).
A fe dos de Javier Barrios levoulles a igualar o choque á volta de vestiarios con dúas blocaxes defensivase unha parada de Juan Bar acompañada de dous goles dun inspirado Borja Pedreira (8 tantos).
Nese momento unha exclusión devolveu a renda ao Granollers, pero sen deixar de crer, nun carrusel de inferioridades por ambos bandos, os azuis agarráronse ao seu soño cunha grada que presionaba como nunca.
Ao berro de 'sí se puede' o Teucro encaraba os últimos dez minutos con táboas no electrónico, aínda que sen chegar a poñerse por diante, unha tónica que se mantivo ata que un gol de Salinas dende 11 metros parecía sentenciar o choque (20-22).
Iván Fernández tívose que retirar lesionado, témese que de gravidade
Nada máis lonxe da realidade, o equipo lerezano botou o resto e só unha discutida exclusión de Porto a falta dun minuto e un pasivo reclamado con insitencia pero non pitado privaron aos azuis da opción clara de empatar na última posesión.
Malia iso o Municipal despediu con honras e de xeito merecido aos seus pensando que, de manter este nivel de xogo, o ascenso á máxima categoría non parece un obxectivo tan utópico.
SD TEUCRO (22): Juan Bar, Porto (1), Moreira (3), Víctor Rodríguez (2), Carlos García (1p), Borja Pedreira (8), Miguel Sío -siete inicial- Dorado, Carlos Pombo, Pichel (6, 1p), Chapela, Iván Fernández (1), César Armán, Cadilla.
BALONMANO GRANOLLERS (23): Matías Schulz, Blanxart, Pujol (1), Marc García (2), Adriá Pérez, Salinas (6, 2p), Grundsten -siete inicial- Capdevila (1), Raúl Campos, Solé (3), Resina (1), Álvaro Ruíz (4), Del Arco (5).
Árbitros: Fernández Pérez e García Rodríguez. Excluíron a Porto (2), Víctor Rodríguez, Armán e Carlos García no Teucro e a Capdevila, Marc García, Grundsten e Del Arco no Granollers.
Marcador cada cinco minutos: 2-2, 4-3, 5-6, 7-8, 7-10, 11-13, descanso, 13-14, 14-17, 16-17, 18-19, 20-21, 22-23.
Incidencias: Eliminatoria de oitavos de final de Copa do Rei disputada no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante ao redor de 1.600 espectadores. Ao partido asistiu o presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez, quen ratificou o seu compromiso de adxudicar a Pontevedra un partido da Selección Española.