Kilian Ramírez, o heroe dun Cisne que quedou a un palmo do triunfo en Guadalaxara (24-24)
Por Almu Dapena
Club Cisne Balonmán e Guadalajara, dous equipos coa necesidade de gañar para seguir soñando coa permanencia en Liga Asobal, víronse as caras este venres. Os brancos recuperaban efectivos para a xornada crave e iso viuse na cancha, sobre todo pola reincorporación de Cavalcanti, clave nos metros finais para que os seus tomasen as primeiras vantaxes do encontro.
Foron os de Javier Márquez os que dominaron o duelo, chegando mesmo a colocarse cunha renda de cinco tantos grazas ás intervencións de Kilian Ramírez, que se converteu no home do partido cunha porcentaxe de case un 39,47% en paradas (15/38) e decisivo na última xogada. Tamén o seu homólogo no lado contrario, Marco Krimer, que entrou na segunda metade, non quixo ser menos (38,89%, 7/18) e protagonizou unha serie de intervencións que resultaron clave para os intereses do seu equipo e poder asinar un empate final que non favorece nin a uns nin a outros (24-24).
Comezou o partido de fronte para o Cisne, aproveitando unha dobre superioridade numérica polas exclusións case seguidas de Alberto Díaz e Kemal Hamzic, que se traduciu nun primeiro parcial de 1-4 grazas aos tantos dun recuperado Cavalcanti e de Álex Chan. Ademais, a Kilian Ramírez estaba a saírlle todo baixo paus e freaba os lanzamentos dun Guadalajara ao que lle custaba atopar ocos entre a férrea zaga branca.
Nun dicir amén o cadro local logrou apertar o luminoso aproveitando a exclusión de Cavalcanti e unha serie de perdas no ataque pontevedrés que se traduciu nun resultado de 3-4, pero a alegría durou moi pouco xa que enseguida o Cisne púxose outra vez mans a obra e, secundado polo seu gardameta, deu a volta de novo á tortilla para asinar un 4-7 cando se alcanzaba o ecuador do primeiro acto, instante que aproveitou Requena para parar o tempo e reordenar aos seus.
Os de Javier Márquez estaban cómodos, saíanlles as cousas e seguían golpeando ao seu rival, chegando mesmo a ampliar a diferenza en cinco tantos cando quedaban pouco máis de cinco minutos para alcanzar o descanso (6-11).
Parecía que as cousas ían ben para o Cisne, pero a precipitación nos últimos pases e as imprecisións traducíronse en que o Guadalajara recuperouse e apertou o resultado para enviar o partido ao intermedio nun 11-13 que deixaba todo por decidir na segunda metade.
Reaccionou o cadro local nada máis saír dos vestiarios colocándose a tan só un gol do empate grazas á dobre intervención do recentemente ingresado no terreo de xogo Krimer en portería. Kilian Ramírez, pola súa banda, tamén se quería unir á festa das paradas e aparecía baixo paus para dar un pequeno respiro aos seus nesta segunda parte, pero a exclusión de Franceschetti sentou como un xerro de auga fría aos brancos, que viron como o Guadalajara igualaba o partido e complicaba as cousas (min. 7, 16-16).
Pediu tempo morto Márquez e pareceu dar coa tecla para reverter a situación. Tamén unha tarxeta vermella a Alberto Díaz favoreceu os intereses do cadro lerezano, que tiraba de fe e garra para manter esa pequena marxe dun ou dous goles, pero por momentos estrelábase nun Marco Krimer que realizaba estiradas case imposibles que daban ás e esperanzas aos seus.
Daba a sensación de que todo podía pasar, a emoción estaba servida e calquera podía facerse co triunfo. E por primeira vez no envite, o Guadalajara aproveitaba unha repartición de goles para, nunha destas, interceptar un balón no ataque do Cisne e adiantarse (min. 18, 20-19).
Os porteiros estaban soberbios, por momentos os visitantes mandaban no marcador e noutras ocasións eran os locais, ambos os conscientes da obrigación de gañar e de non dar por perdida ningunha xogada.
Co empate a 22 chegouse ao minuto 25, pero foron os de Pontevedra os que, apoiados nunha férrea defensa, en Kilian Ramírez e nunha rápida mobilidade nos metros finais, conseguían respirar e chegar ao último minuto cun gol de diferenza e co que parecía o último ataque ao seu favor. Javier Márquez parou o tempo, o Cisne atacou, pero Guadalajara cortoulle as ás roubando e provocando un sete metros en área branca. O balón foise fóra, os brancos precipitáronse na saída de balón e os locais interceptaron o esférico, igualando así o partido a falta de 30 segundos para a conclusión (24-24).
Esta vez non era viable a opción de fallar, pero a precipitación nun pase de Carlos Álvarez provocou o contragolpe decisivo dun Guadalajara que de marcar levaba a vitoria. En cambio, Kilian Ramírez, o home do partido, acabou coa esperanza local cunha parada decisiva coa que se asinou un empate a 24 que non favorece aos intereses nin uns nin doutros.
Consulta as estatísticas do partido nesta ligazón
Relacionadas:
-
O Cisne sucumbe ante un demoledor Anaitasuna (26-33)
Por Almu Dapena |
-
David Chapela pon fin á súa etapa no Cisne agradecido por "volver facerme sentir xogador de balonmán"
Por Diego Espiño |
-
Gualter Furtado, primeiro xogador do Cisne convocado para o Mundial
Por Diego Espiño |
-
Cruz para o Cisne, que puido obrar unha remontada heroica no último segundo (32-33)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Cisne cambia xoguetes por entradas no seu último partido do ano na Liga Asobal
Por Diego Espiño |
-
Xornada clave para un Cisne que recupera efectivos
Por Redacción |
-
Festa no Pavillón Municipal coa visita do Barcelona ao Cisne (25-43)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Alejandro Conde, apercibido polo Comité de Competición por desconsideración aos árbitros
Por Diego Espiño |
-
O Cisne planta cara a un Valladolid que o castigou nos minutos finais (35-31)
Por Almu Dapena |
-
A fe do Cisne non basta para compensar a súa fraxilidade defensiva (31-35)
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Un superior Cangas dobrega o Cisne no derbi galego de Asobal (30-25)
Por Almu Dapena |