Éxito de participación na Copa Galicia de Bateis celebrada en Marín
Por Redacción
Tras a suspensión pola alerta meteorolóxica, por fin celebrouse a Copa Galicia de Bateis, un gran espectáculo no que se alcanzou un novo récord histórico de participación en Marín.
Foi este sábado 3 de decembro a data elixida para a disputa da proba, incluída dentro do ciclo de deportes náuticos Semana Abanca como colofón ás xa disputadas competicións de piragüismo, esquí náutico, wakesurf ou vela, que se celebraron en augas das rías de Vigo, Betanzos, A Coruña e Pontevedra, así como en tramos do río Miño, das provincias de Ourense e Pontevedra.
O broche de ouro púxoo a Copa Galicia Villa de Marín de remo, no que competiron preto de 90 bateis de todo o noroeste cunha significante participación feminina que practicamente igualou á dos mozos, sumando entre todos ao redor de 500 participantes.
O sol acompañou en toda a xornada, na que os ouros o lograron Rianxo, Mecos do Grove, Virxe da Guía de Vigo, Chapela e os lucenses de Celeiro.
A primeira praza do medalleiro foi para o Club de Remo Rianxo, un dos clubs españois con maior prestixio, que desfacía o empate con Mecos e Virxe da Guía, en virtude de lograr un bronce a maiores, mentres os do Grove e os vigueses eran premiados con dous ouros, e Mecos coas dúas categorías de xuvenís.
Pola súa banda, os clubs de primeira categoría que competirán na Euskal Label Liga de traiñeiras, Samertolameu e Cabo de Cruz, situáronse nas prazas sexta e novena, respectivamente. Iso si, os de Meira, lograron un total de 7 medallas, sendo o club que máis metais logrou nesta edición da Copa Galicia: tres de prata e catro de bronce.
Debutou con éxito en categoría feminina de alevíns o único representante de Lugo, o Club de Remo de Celeiro, que se impuxo a Ares (prata) e a Samertolameu (bronce).
O resto de vitorias en categorías femininas foron para Rianxo en infantil e cadete, e para Mecos, ouro en xuvenís. Nas divisións masculinas os mozos do Virxe da Guía vigués lograron as vitorias en alevíns e infantís, mentres que Chapela e Mecos repartíronse cadetes e xuvenís.
Destacou, pola súa banda, o papel que demostrou o recentemente ascendido á Eusko Label League, a Sociedad Deportiva Samertolameu, que fixo unha boa actuación en xuvenís, asinando unha prata co seu batel titular, e Meira, que foi bronce.