A xunta do Pontevedra CF cárgase a Jose Luis Tilve, un dos tres conselleiros díscolos
Por Manu Otero
Cun ano de atraso, o Pontevedra Club de Fútbol Sociedad Anónima Deportiva celebrou este martes no Pazo da Cultura de Pontevedra a súa xunta xeral de accionistas correspondente ao peche do exercicio da tempada 2020-2021.
A reunión serviu para aprobar as contas e o balance do exercicio pero estivo marcado por un carácter bronco e un enfrontamento constante entre as dúas faccións do consello de administración que derivou no inesperado e sorprendente cesamento dun dos tres conselleiros do grupo accionarial opositor á directiva, o de Jose Luís Tilve.
Cando a Xunta Ordinaria de Accionistas tocaba ao seu fin, na quenda de rogos e preguntas, un dos asistentes pediu a palabra para solicitar ao Consello de Administración a inclusión na orde do día da votación para o cesamento como conselleiro de Jose Luís Tilve López.
Sen pedir ao asistente que se identificase, algo que se lle esixiu a todos e cada un dos participantes na xunta á hora de entrar e cada vez que tomaban a palabra ou exercían o seu dereito a voto, a presidenta do Consello, Lupe Murillo, admitiu a petición para sorpresa de todos os alí presentes, incluído o principal afectado. "Claro que está preparado", chegou a comentar polo baixo a propia presidenta, instantes antes da votación.
A moción foi aprobada co 82,27 % do capital social da entidade deportiva, que son 42 persoas que representan un total de 608.800 accións.
En contra votaron tres accionistas minoritarios que non daban crédito á manobra á que estaban a asistir, tamén emitiu o seu voto desfavorable Ana Isabel Eiras, representante das 131.000 accións da empresa Investimentos e Xestións Alimenticias que aglutina preto do 17 % do accionariado total e que xunto con outra entidade, de similar representación no accionariado, compoñen o grupo opositor á xestión de Lupe Murillo.
Outros dous accionistas minoritarios abstivéronse ao non comprender tampouco a dimensión, as causas e as consecuencias deste inesperado movemento.
Tras confirmarse a destitución do conselleiro, Eiras solicitou ocupar de forma inmediata o oco deixado por Tilve. Algo que secundou o propio afectado alegando que "a lei me ampara".
Con todo, a presidenta Murillo negou esa substitución e deixará deserto o décimo conselleiro do Consello de Administración ata o seu novo nomeamento na próxima xunta de accionistas.
Ademais, asegura a mandataria obrar conforme a dereito porque, a pesar de que Tilve foi nomeado polo sistema proporcional de repartición das accións, matizou a dirixente que foi a Xunta quen aprobou a súa entrada no consello de administración e que ese mesmo órgano está capacitado para decidir o seu cesamento.
Coa formulación dunha nova pregunta sobre este tema por parte do accionista minoritario Santiago Mariño, quen esixiu "saber que hai detrás de todo este sindiós" á que a presidenta se limitou a responderlle que "lle contestarei por escrito", deuse por terminada unha das junstas de accionistas máis tensas da historia recente do Pontevedra. Algo que terá moi pronto un novo episodio, pois aínda está pendente unha nova xunta para aprobar as contas da tempada 2021/2022.
Esta traca coa que terminou o tardío encontro de accionistas, estivo precedida por un incesante intercambio de interrupcións, malas contestacións e xestos de desaprobación por parte de ambos os bandos. Todo comezou antes de constituírse a xunta. Por motivos persoais, os representantes do grupo opositor chegaron tarde coa sesión xa iniciada e esixiron que se lle permitise o acceso.
Con reticencias e sen a obrigación legal de facelo, o consello de administración autorizou a entrada da representante de 360.000 accións, Ana Isabel Eiras, que finalmente, e despois de máis dun cuarto de hora de comprobación de documentos, só puido xustificar ser a portavoz de aproximadamente a metade das mesmas.
Os dous primeiros puntos do día abordounos con celeridade Lupe Murillo. Eran os referidos á impugnación dos nomeamentos como conselleiros delegados da propia presidenta e do conselleiro resposnable da área económica Enrique Mariño.
A mandataria relatou os feitos que conduciron á emisión dunha sentenza por parte da Audiencia Provincial que anula estes nomeamentos por un defecto na interpretación dos estatutos. Foron elixidos por 6 dos 10 conselleiros que, para o xuíz, non constitúen os dous terzos da totalidade do consello para facer efectivo o seu nomeamento.
Esta causa levárona aos tribunais os conselleiros do grupo opositor e, aínda que en primeira instancia a súa petición foi desestimada, finalmente a Audiencia Provincial anulou os nomeamentos de Murillo e Mariño, pero non a impugnación das contas da tempada 2019/2020, que tamén solicitaran.
Esta batalla xudicial motivou, segundo Lupe Murillo, o atraso na convocatoria da xunta de accionistas.
Tamén aproveitou a presidenta a súa quenda de palabra para volver sacar peito da súa xestión e tachar de antigranates a unha parte dos seguidores do club.
"Os catro que cantan non son o Pontevedra e nunca o foron", chegou a afirmar en clara alusión ao colectivo de afeccionados Siareiros Granates, que mostraron a súa desconformidade coa xestión de Murillo colgando unha pancarta na fachada do Pazo da Cultura na que podía lerse: "Con esta directiva, o Pontevedra á deriva. Polo Nadal, unha ilusión: Que se vaian de Pasarón".
Pero a alegación da persoa física titular de máis accións da entidade, algo que xa subliñara en sesións anteriores e que este luns volveu recalcar, non quedou aí. Cuestionada sobre cando ía cumprir a súa promesa de dar explicacións sobre a situación deportiva e todo o que rodea ao club, Murillo recoñeceu que "me apetece ter reunións cos accionistas, que son a quen lle importa o club".
Neste sentido, xustificou o seu silencio porque "non quere mesturar as miserias co deportivo", dixo facendo gala do tan manido refrán "os trapos sucios lávanse na casa".
Relacionadas:
-
O accionariado granate dá poder ao Consello para iniciar a ampliación de capital, á que Pescamar acudirá
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra expón aos seus accionistas unha ampliación de capital
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra pecha as contas do ano da reestruturación de 2ªB con 53.000 euros de perdas
Por Manu Otero |
-
A Xunta de Accionistas do Pontevedra abordará a sentenza xudicial que anula o nomeamento de Lupe Murillo como Conselleira Delegada
Por Diego Espiño |
-
Convocada para o 20 de decembro a Xunta de Accionistas do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Lupe Murillo: "As contas tras a pandemia rompen o ciclo de superávit que trae este Consello de Administración"
Por Diego Espiño |
-
A xunta de accionistas coas contas do ano da reestruturación, un asunto pendente para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Consello de Administración do Pontevedra reelixe a Lupe Murillo como presidenta
Por Diego Espiño |
-
Lupe Murillo queda cinco anos máis
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra agarda pechar a tempada da covid-19 cun superávit de 1.400 euros
Por Manu Otero & Mónica Patxot |