David Cal recibe o 'Premio Leyenda' do Comité Olímpico Español
Por Diego Espiño
O Comité Olímpico Español (COE) puxo o broche a 2022 coa celebración este mércores en Madrid da súa XVII gala anual, na que se distinguiu o traballo e traxectoria dos deportistas.
Entre os 19 galardóns entregados atopábase un reservado para David Cal, o que lle recoñece como unha 'lenda' do deporte nacional.
O piragüista, xa retirado, recibiu o 'Premio Leyenda' do COE, honra compartida coa tamén campioa olímpica Ruth Beitia.
"É un pracer, sobre todo compartido con Ruth Beitia que é unha atleta á que admiro", explicou o quíntuplo medallista nos Xogos Olímpicos acompañado no escenario polo presidente do COE, Alejandro Blanco.
Cal dedicou o premio "a toda a xente que estivo detrás para que eu poida conseguilo, desde o adestrador que tiña, compañeiros, o médico, o fisio ou o conserxe que abría as instalacines para que eu puidese adestrar. Ao final da medalla se a empezamos a partir en cachitos eu quedaríame cun pequeniño. Fai falta toda esa xente para que poidas conseguir os resultados".
Ademais de David Cal e Ruth Beitia o Comité Olímpico Español recoñeceu a Mari Paz Corominas e Emilio de Villota como Premios Pioneiros; Teresa Perales e Juan Matute como Premio Superación; Sandra Sánchez e Raúl Entrerríos como Premio Valores; Adriana Cerdeira e Alberto Ginés como Premio Revelación; Laia Palau e Tonio Bou como Premio Traxectoria; a selección feminina de hóckey patíns e a masculina de waterpolo como Premio Equipo; Saúl Craviotto e Mireia Belmonte como Premio Especial COE; Queralt Castellet e Carlos Arévalo como Premio Deportista do Ano 2022; e a selección masculina de baloncesto como Premio #ElCorazónDeEspaña.