O Nadal queda atrás para o Cisne cunha volta ao traballo chea de ausencias
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Coas pilas cargadas pero xusto de efectivos. Así volveu este luns aos adestramentos o Club Cisne Balonmán tras as súas vacacións de Nadal.
O club pontevedrés retornou coas ausencias dos mundialistas Álex Chan e Gualter Furtado pero tamén por diversos motivos de Cavalcanti, Ocaña, Abián Rodríguez, André de Moura, o lesionado Iván Calvo e as novas fichaxes (Dani Serrano e Calin Dedu).
Foi o seu primeiro adestramento desde o pasado 22 de decembro no Pavillón Municipal dos Deportes. Por diante catro semanas de preparación para chegar nas mellores condicións posibles ao comezo da segunda volta da Liga Asobal, paralizada en xaneiro pola disputa do Campionato do Mundo.
"Creo que este mes de xaneiro vai ser moi importante para nós. Imos ter un inicio de competición en febreiro con tres partidos moi esixentes que creo realmente que van ser vitais no devir da competición, e vai ser clave que cheguemos a esas datas da mellor maneira posible", afirmou desde a pista do Municipal o adestrador cisneísta, Javier Márquez.
Durante este tempo o Cisne ten previsto afrontar varios compromisos amigables, o primeiro o tradicional Memorial Manuel Luaces no que se medirá o próximo día 14 de xaneiro co Atlético Novás da División de Honra Prata.
No que respecta á Liga Asobal, renovarase para os pontevedrés o sábado 4 de febreiro coa visita do Anaitasuna ao Pavillón Municipal.
FICHAXES
Nos próximos días sumaranse ao grupo, entre outros ausentes na primeira sesión, os dous xogadores que se incorporan ao Cisne en calidade de cedidos ata final de tempada, o pivote romanés Celin Dedu e a primeira liña español Daniel Serrano.
"Dedu é un xogador novo pero con bastante experiencia xa tanto na primeira división romanesa como coa selección nacional. Xogador de 2,08 cun perfil moi diferente ao que tiñamos no persoal no pivote. Creo que se vai a completentar moi ben co que tiñamos. Non vai ser fácil de defender", analizou Márquez.
En relación a Serrano, "este ano non estaba a ter case minutos en Torrelavega pero si os tivo o ano pasado facendo unha moi boa tempada. Ante a baixa de David Chapela tiñamos que buscar outra primeira liña, e ademais no caso de Dani pode actuar de central ou de lateral esquerdo. Vénnos moi ben", afirmou o preparador, que coa chegada de ambos os dous gaña fondo de armario no seu plantel para a fase decisiva da competición.
Relacionadas:
-
Posta de longo de Calin Dedu e Dani Serrano como xogadores do Cisne: "É un gran reto"
Por Diego Espiño |
-
O Atlético Novás supera o Cisne e leva o Memorial Luaces (22-24)
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Nova lesión de Gabriel Cavalcanti: estará ao redor dun mes de baixa
Por Diego Espiño |
-
O pivote Calin Dedu incorpórase ao Cisne cedido polo Dinamo de Bucarest
Por Oskar Viéitez |
-
Álex Chan, convocado con Estados Unidos para o Mundial de Polonia e Suecia: "Non foi unha sorpresa"
Por Almu Dapena |
-
David Chapela pon fin á súa etapa no Cisne agradecido por "volver facerme sentir xogador de balonmán"
Por Diego Espiño |
-
O Cisne planifica unha 'minipretempada' en xaneiro con cinco partidos de preparación
Por Diego Espiño |