Toni Otero: "Faltou actitude, non faltou nada máis"

Por Almu Dapena
Confiaba "cegamente" no plantel, pero este domingo ante a Balompédica Linense o Pontevedra CF de Toni Otero levouse un bo pau e caeu derrotado por 3-0 contra o equipo menos anotador da categoría.
"É unha derrota dura", recoñeceu o novo técnico granate, que cre que o equipo fixo "unha boa primeira parte, saímos ben na segunda e nunha acción dun desaxuste fainos encaixar o primeiro gol e a partir de aí non partiu, o equipo baixou os brazos".
Considera que "faltou actitude, non faltou nada máis. Gañar duelos, ser un equipo intenso e agresivo... O que fixo o equipo contrario". Aínda así, asume o 'mea culpa' e responsabilízase do ocorrido sobre o terreo de xogo, "son o primeiro en dar un paso adiante e dicir que isto ten que mellorar e ten que cambiar e niso estaremos nas próximas semanas".
"Eu son o único culpable de perder o partido", insiste Otero, "quero que os xogadores e a xente entenda que os responsables somos os que mandamos e neste caso eu hoxe", e confesa que "dentro do meu vestiario falouse á cara e dixéronse as cousas que se tiñan que dicir".
O Pontevedra meteuse nun auténtico problema con este resultado e a situación complícase a cada día que pasa, sobre todo coa destitución dun adestrador a metade da semana e con tan pouca marxe para preparar o encontro. "Todo pesa. Vimos dunha situación bastante mala e tivemos pouco tempo para preparar as cousas. Non é escusa", recoñece, "hai que levantar a cabeza, o ánimo e a actitude".
Reitera a súa confianza no plantel, cre nela e cre que "é suficientemente competitiva cando está ben para competir nesta categoría, temos que recuperar iso". Con todo, para el "o primeiro é cambiar a actitude de todos. O que digo aos xogadores é que de aquí só sáese con actitude, isto é Primeira RFEF e non hai ningún equipo superior a outro, simplemente gañan por actitude".
Precisamente da actitude de Charles falou durante a rolda de prensa, insistindo en que "é un líder, fóra do vestiario é o primeiro en facer todo. Fixo un bo partido, pelexouse cos centrais e tivo actitude. É o que pido a todos".
Con todo, a pesar dos erros dos seus xogadores, para Toni Otero o partido estivo controlado ata que tivo que facer o cambio de Brais Abelenda por obrigación aos 12 minutos de xogo, momento no que "nos rompemos un pouco. Esa presión que estabamos a facer angustiando aos medios centros estaba a axudarnos e estaba hciaendo que eles non tivesen eses lanzadores. Ese cambio obríganos a meter outro tipo de medio centro, non hai unha saída a un balón e aí fíltrannos un balón e fannos o primeiro gol. É unha situación que tiñamos que controlar e non o fixemos", matizou.
Tamén afagou o xogo da Balompédica Linense, "paréceme un equipo moi intenso, que corre moi ben o espazo e esperabámonolo/esperabámosnolo así". O problema que tivo o Pontevedra foi que "non fomos capaces de interpretar o xogo do equipo rival, eles souberon interpretar mellor os últimos 30 minutos", cando chegaron os tres goles.
Relacionadas:
-
O Pontevedra afronta as últimas horas de mercado cunha ficha sub 23 libre e a incógnita de Gueye
Por Manu Otero |
-
Borja Domínguez e Brais Abelenda, KO para a visita do Castilla
Por Diego Espiño |
-
Nova medida de Toni Otero: Pechadura á prensa
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra encaixa a súa maior goleada das dúas últimas tempadas no debut de Toni Otero como adestrador
Por Manu Otero |
-
A Balona golea a un Pontevedra tocado e afundido (3-0)
Por Almu Dapena |