O subcampión Oviedo derrota pola mínima o Ravachol nun novo partido no exilio
Por Redacción
O Ravachol Pontevedra cedeu unha derrota esta fin de semana na Xunqueira na visita do subcampión de liga, o CB Oviedo, ao que o equipo local plantou cara pero acabou derrotado pola mínima.
Noutra xornada na que o equipo lerezano non puido xogar na súa cancha habitual do CGTD, e xa van tres consecutivas, o partido comezou co duelo de dobres mixto que se decidiu no quinto set en favor dos locais. A dupla formada por Jacobo Fernández e Elena Fernández foi capaz de repoñerse a un mal inicio, no que perderon os dous primeiros sets, para gañar os tres últimos.
En cambio, no dobres por xénero o conxunto visitante lograba voltear o partido con dúas axustadas vitorias, sobre todo no choque feminino, que se decidiu no quinto set.
No primeiro duelo individual o Ravachol logrou restablecer as igualada grazas ao triunfo de Emilia Drouin. Non puido facer o mesmo Manuel Brea, cuxa derrota volveu dar vantaxe ao cuado asturiano. Na rolda definitiva, Bland venceu e restableceu o igualada pero no último partido, Jacobo Fernández non tivo sorte, perdeu o seu partido e os puntos voaron cara a Oviedo.
"Foi un encontro espectacular a ollos do espectador, sete partidos de moito nivel que podían caer para calquera lado. Só quédanos felicitar ao Oviedo pola vitoria e pensar na próxima xornada", declarou o director deportivo do club, Jesús Pereiro, tras o partido.
Con todo, o mandatario quixo lanzar unha mensaxe sobre o exilio ao que se está tendo que enfrontar o equipo neste inicio de liga. "As xornadas de liga están a ser especialmente duras, non só polo nivel de xogo dos nosos rivais, senón pola loxística á hora de organizalo todo. En tres xornadas como locais, xogamos en tres pavillóns diferentes, un deles nin sequera na cidade de Pontevedra", queixouse.
Ademais, esta fin de semana a situación foi aínda máis incómoda para o equipo porque "este mesmo sábado, entramos no pavillón ás 13.30 horas, xa que antes había un partido de balonmán, e en tempo récord tivemos que montar o pavillón para que ás 16.00, que é a hora de chegada dos árbitros, todo estivese correctamente. Isto supuxo que os nosos deportistas apenas puidesen comer e descansar con tranquilidade, mentres que os nosos rivais realizaron unha sesión de adestramento matutino no CGTD e logo puideron comer e descansar antes de xogar. Neste sentido, botamos en falta máis apoio para un equipo que está na máxima categoría nacional do seu deporte, e que, de continuar así, posiblemente teña os días contados na elite", rematou Pereiro.