O ex-teucrista Bruno Martini, investigado por corrupción de menores
Por Diego Espiño
O mundo do balonmán sorprendeuse este mércores coa detención e posterior posta en liberdade provisoria do actual presidente de Líguea Nationale de Handball (LNH), a liga nacional francesa, Bruno Martini, investigado por corrupción de menores e posesión de imaxes pedófilas de contido sexual.
Esa sacudida chegou ata a cidade de Pontevedra, onde Martini é aínda lembrado como porteiro da Sociedade Deportiva Teucro durante os anos nos que chegou a tutear aos grandes do balonmán nacional, a mediados da década dos 90.
Segundo informa o medio galo 'France Info' o ex-gardameta internacional, campión do mundo coa súa selección en dúas ocasións, foi detido o pasado luns no transcurso dun rexistro no seu domicilio de París no que atoparon imaxes de contido pedófilo nos seus dispositivos informáticos, tendo que declarar antes da súa posta en liberdade de maneira provisional.
Tal e como explica o citado medio, a investigación púxose en marcha hai dous anos cando un menor, que por entón tiña 13 anos, denunciou ser contactado por Martini a través dunha rede social, declarando que lle solicitaba compatir vídeos de contido sexual. Esta investigación non descubriu polo momento máis vítimas.
Bruno Martini, que ten na actualidade 52 anos, foi posto en liberdade provisoria á espera dunha probable comparecencia ante o xuíz que investiga o caso.
Explica France Info que o ex-teucrista tería recoñecido os contactos pero sinalando que cría que o mozo tiña 15 anos. Segundo este medio, no caso de recoñecer a súa culpabilidade ante o xuíz, enfróntase a unha multa de 75.000 euros e unha pena de prisión que sería inferior aos cinco anos.
Bruno Martini defendeu a camiseta da Sociedade Deportiva Teucro na tempada 1996-1997 e do Cangas na campaña 1998-1999.