Posta de longo de Calin Dedu e Dani Serrano como xogadores do Cisne: "É un gran reto"
Por Diego Espiño
O Club Cisne Balonmán segue descontando os días para o regreso, a principios do mes de febreiro, da Liga Asobal co inicio da segunda volta de competición tras o parón mundialista, e faino xa con case todas as súas pezas ao dispor do adestrador Javier Márquez.
Ademais dos mundialistas Álex Chan e Gualter Furtado, recentemente incorporados, os últimos en chegar foron as dúas fichaxes invernais, os cedidos Calin Dedu e Dani Serrano, que tras varias xornadas adestrando cos seus novos compañeiros foron presentados oficialmente este xoves nun acto celebrado nas Galerías Oliva.
Ambos os dous xogadores mostráronse moi contentos co recibimento que tiveron no equipo, en especial un Calin Dedu que afronta a súa primeira experiencia internacional. O pivote romanés recoñeceu que o seu pai, o exteucrista Alexandru Dedu, foi clave en convencelo para afrontar unha etapa en Pontevedra. Tamén puxo do seu parte o ex-gardameta Pasqui (Xavier Pascual), adestrador do Dinamo de Bucarest, que facilitou a operación.
"Para min vir aquí está a ser unha experiencia xenial desde o principio. Falei co meu pai antes cuestións sobre como era España, a xente, como era o equipo e a liga e todo foron boas palabras. Estou emocionado, é un gran reto, síntome xenial aquí, é unha cidade estupenda", sinalou Dedu agradecendo ademais a axuda que está a recibir dos seus compañeiros para adaptarse canto antes aos sistemas de xogo.
Pola súa banda Dani Serrano, primeira liña cedido polo Torrelavega, destacou que "o plantel é moi bo e o estilo de xogo do equipo vénme moi ben".
Presente no acto, o adestrador cisneísta Javier Márquez mostrou a súa confianza en que os dous reforzos "sexan pezas importantes no equipo" para axudar a conseguir o obxectivo da permanencia na máxima categoría.
CONVENIO COAS GALERÍAS OLIVA
Tras a presentación o Club Cisne rubricou un convenio de colaboración coa Asociación de Comerciantes Galerías Oliva.