Xornadas de terapia... e man dura: "Se volvo coller a alguén despistado vaise"
Por Diego Espiño
As primeiras sesións de Toni Otero á fronte do Pontevedra deixaron ver pequenos detalles da súa maneira de traballar como técnico, buscando trasladar unhas primeiras ideas ao plantel con explicacións mesturadas de momentos de reprimendas cara aos xogadores, aos que lles pide concentración e intensidade.
O primeiro é recuperar a confianza do plantel, tocada pola situación e tamén pola dura derrota na Balona. Esa goleada sufrida "deunos pé a falar moitas cousas", recoñeceu este venres Toni en rolda de prensa.
Por iso as charlas cos xogadores foron habituais estes días, acudindo mesmo máis tarde que de costume ao céspede do campo da Xunqueira para realizar o traballo programado.
Neses primeiros adestramentos o ata o de agora director deportivo tentou empezar a impoñer o seu propio estilo ao equipo explicando conceptos básicos do que quere que se reflicta no céspede. Desde o posicionamento no campo ou a saída de balón á presión para roubar o esférico ao contrario, pasando polos saques de banda. Todo iso unido a momentos de reprimenda ao plantel perceptibles con claridade mesmo desde o exterior do complexo Manolo Barreiro da Xunqueira, desde onde deben seguir os medios de comunicación as sesións de traballo.
"O que pille parado, fai 10 planchas", sinalaba este venres Toni Otero durante o primeiro exercicio sobre o verde. Máis tarde, escoitábase tamén afirmar que "se volvo coller a alguén despistado vaise". Pinceladas de man dura para axitar os seus xogadores.
Todo iso centrado no propio Pontevedra porque "non me importa o que faga o Madrid", chegou a afirmar ante os seus futbolistas tras preguntarlles se "alguén de aquí é Raúl González para saber o que vai facer?". Porque o importante para el, sinalou despois na sala de prensa, é que "aos poucos temos que ir sendo nós", e iso pasa por lograr unha boa "actitude" á que aludiu como "a única maneira de saír desta".
Relacionadas:
-
Toni Otero rectifica e abre os adestramentos á prensa
Por Diego Espiño |
-
Un gol de Charles no minuto 90 salva o Pontevedra contra o Castilla (1-1)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Toni Otero: "É complicado con cinco adestramentos cambiar moitas cousas"
Por Diego Espiño |
-
O Real Madrid Castilla e a tarde que elevou a Rufo a ídolo de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Cada socio do Pontevedra poderá retirar polo menos unha invitación para ver o Real Madrid Castilla
Por Manu Otero |
-
Borja Domínguez e Brais Abelenda, KO para a visita do Castilla
Por Diego Espiño |
-
Nova medida de Toni Otero: Pechadura á prensa
Por Diego Espiño |
-
Antonio Fernández despídese do Pontevedra cunha sincera mensaxe en redes sociais
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra encaixa a súa maior goleada das dúas últimas tempadas no debut de Toni Otero como adestrador
Por Manu Otero |