As Xornadas de Mulleres Ciclistas regresan a Marín por Semana Santa
Por Redacción
A Federación Galega de Ciclismo organizará en Marín a súa segunda edición das Xornadas de Tecnificación de Mulleres Ciclistas. Logo do éxito que supuxo a súa estrea o pasado mes de setembro, o gran cumio do ciclismo feminino celebrarase neste 2023 durante a Semana Santa, o 5 e o 6 de abril.
As instalacións do Colexio SEI San Narciso volven acoller esta iniciativa coa que a FCG dá un paso máis na súa aposta polo binomio muller e bicicleta. Aumentar os coñecementos teórico-prácticos e crear vínculos entre as corredoras a través da convivencia son as dúas principais metas a alcanzar nesta xuntanza dirixida a ciclistas de todas as categorías de base e de todas as modalidades. Nos vindeiros días os clubs recibirán as convocatorias para inscribirse nesta actividade gratuíta, que inclúe aloxamento e pensión completa.
As Xornadas de Tecnificación de Mulleres Ciclistas presentan un formato similar ao da súa primeira edición e contan de novo cun cadro de poñentes de luxo. As charlas formativas impartiranas Gema Pascual (Seleccionadora española de ciclismo feminino en ruta), José Ramón Lillo Bevia (Doutor en Ciencias da Actividade Física e do Deporte) e Coral Fernández Gumiel (Xefa de División na Comisión Española para a Loita Antidopaxe no Deporte).
Tampouco faltará o coloquio no que participarán mulleres vinculadas de diferentes formas a a este deporte. Con Terio Carrera, presentador da Televisión de Galicia, exercendo de moderador, compartirán as súas experiencias no mundo do ciclismo Pilar Pavón (Médica en voltas ciclistas), Dolores Cuñarro (Árbitra de categoría nacional), Eva Castro (Seleccionadora de Galicia de especialidades gravity) e Luz Iglesias (fotógrafa en eventos de ciclismo).
O programa destes dous días complétase cun adestramento de todas as modalidades.
Na realización destas xornadas colabora o Concello de Marín, que volverá converterse na capital galega do ciclismo feminino.
Relacionadas:
-
Adestramento e convivencia para as promesas do ciclismo feminino galego en Marín
Por Redacción |
-
Diego Alonso e Lara Lois triunfan na primeira proba da Transgalaica
Por Redacción |
-
Carballedo dará o pistoletazo de saída á Transgalaica 2023 o 25 de febreiro
Por Redacción |
-
Pontevedra e o "efecto contaxio" para o ciclocrós galego
Por Diego Espiño |
-
A Marcha Ciclista do Marisco homenaxea o estradense Álex Marque
Por Redacción |
-
Pontevedra pasa con nota a inspección da Unión Europea de Ciclismo de cara ao Campionato de Europa de Ciclocrós 2024
Por Diego Espiño |