Sen rastro das catro bicicletas roubadas ao Supermercados Froiz
Por Manu Otero
O paradoiro das catro bicicletas subtraídas ao Grupo Deportivo Supermercados Froiz na madrugada do pasado sábado en Toledo segue sendo unha incógnita. O asunto está a ser investigado pola Guarcia Civil, mentres desde o equipo pontevedrés agardan o pago do seguro e a resposición dos equipos, que tardará polo menos un mes. Nese período, a escadra terá que asumir o risco de competir sen bicicletas de reposto.
"Tiñamos a furgoneta aparcada diante do hotel, desde a recepción víase", detalla Evaristo Portela, director do Supermercados Froiz. O furto produciuse ao redor das 4 da madrugada e, segundo explica Portela, un traballador do hotel viu como uns individuos baixaban dunha furgoneta aparcada á beira da do equipo pontevedrés para acceder ao interior do seu vehículo e sacar as bicicletas. "Creu que eramos nós que estabamos a mover as bicis", relata Portela a escusa do empregado cando os membros do equipo foron a pedirlle explicacións.
Cando desde o Froiz puxeron en coñecemento da Garda Civil o ocorrido, desde o hotel negaron a versión dos técnicos do equipo asegurando que durante a noite non había ningún traballador na recepción do hotel e tampouco facilitaron o nome da persoa que, segundo a versión do Froiz, estaba na recepción na quenda de noite. Ademais, alegan que as cámaras de seguridade do vestíbulo están fóra de servizo.
"Nós non denunciamos ao hotel, denunciamos un roubo diante do hotel", puntualiza Portela, moi molesto coa actitude e a nula colaboración do director do establecemento.
"Por sorte púxose en contacto comigo o capitán da Garda Civil en Toledo, que é moi afeccionado ao ciclismo, e díxome que se vai a encargar el persoalmente de investigar o caso", agradece o dirixente, que confía en recuperar o material.
De feito, está convencido de que os autores do roubo teñen como obxectivo vender as bicicletas, "algo que non vai ser fácil" porque ningunha tenda especializada aceptará comprar unhas bicicletas que, polas súas características, son fáciles de identificar e que os convertería en cómplices do delito.
O valor de cada unha das bicicletas supera os 7.000 euros, co que o montante total do roubo rolda os 35.000 euros.
Con todo, non é o factor económico o que máis molesta a Evaristo Portela, senón o prexuízo ao equipo e a dous novos corredores que non puideron participar no Gran Premio Chineta de Toledo ao quedar sen bicicletas. O club xa conseguiu adaptar as bicicletas de reposto ás necesidades de cada un dos seus ciclistas para que ningún quede sen adestrar nin competir. A cambio, o equipo terá que afrontar boa parte do calendario sen material de reposto polo que ante unha avaría, non quedará máis remedio que abandonar.
O roubo de material a equipos ciclistas é algo que "non ocorre de forma habitual, pero xa ten pasado", lembra Portela citando o caso dun equipo profesional francés ou o recente intento duns "cacos" de entrar no local que ten o Supermercados Froiz na contorna da praza de touros que quedou en nada polas alarmas. Uns dispositivos que a partir de agora instalarán tamén nas súas furgonetas. Así mesmo, cando se aloxen en hoteis sen seguridade ou sen aparcadoiro, ordenarán aos seus corredores que suban as bicicletas ás habitacións.
Relacionadas:
-
Alejandro Luna, do Supermercados Froiz, campión da etapa raíña na Volta a Estremadura
Por Redacción |
-
Rojas e Rodríguez levan ao Supermercados Froiz ao segundo posto de equipos non profesionais en Portugal
Por Redacción |
-
O Supermercados Froiz denuncia o roubo de catro bicicletas en Toledo
Por Redacción |
-
Jose Autrán regala unha vitoria ao Froiz na primeira fin de semana de competición
Por Redacción |