O Municipal convértese nunha gran pista de baile
Por Redacción & Cristina Saiz
O Pavillón Municipal de Pontevedra converteuse esta fin de semana nunha gran pista de baile para disputar o Campionato de España Standard de Baile Deportivo.
Preto de 800 deportistas de idades comprendidas desde os 5 anos en diante competiron durante os tres días que durou esta celebración na que estaban en xogo os campionatos de España, as copas de promoción para ascender de categoría, tres trofeos nacionais para sumar puntos para o ranking nacional e a Copa de España de bailes latinos.
Este evento é a primeira vez que aterra en Pontevedra con este formato de competicións e, para iso, o Pavillón Municipal sufriu unha gran transformación para crear todo un espectáculo digno de ver con luces, son, pantallas led, mesas e cadeiras a pé de pista.
O venres 10 de marzo disputáronse o Trofeo Nacional Standard e Latinos e o Trofeo Nacional Caribeños; e o sábado celebráronse o Campionato de España Standard Xuvenil, Junior, Youth e Adulto, a Copa de Promoción Single, Trofeo Nacional de Danza Coreográfica e a Copa de España Latinos Senior
O domingo pechou a competición co Campionato de España Standard (Senior), a Copa de Promoción Standard e Latinos, o Trofeo Nacional Single e a Copa de España Latinos Xuvenil, Junior, Youth e Adulto.