Unha placa conmemorativa na piscina de Fontecarmoa para homenaxear a Celestino Brianes Lojo
Por Redacción
Vilagarcía de Arousa homenaxeará o vindeiro 25 de marzo a Celestino Brianes Lojo, "unha persoa que ligou boa parte da súa vida á defensa, promoción e organización do deporte local".
O acto comezará ás 12:00 horas e consistirá na colocación dunha placa co seu nome na entrada principal da piscina municipal de Fontecarmoa. Contará coa presenza dos membros da Corporación Municipal, do Consello Reitor da Fundación Municipal de Deportes, do Club Natación e Salvamento e doutros colectivos deportivos e sociais do municipio que acompañarán á familia de Celestino neste tributo á súa labor e á súa persoa.
Celestino Brianes faleceu en novembro de 2018 aos 78 anos e, apenas dous meses despois, o Concello de Vilagarcía acordou en Pleno denominar a Piscina Municipal de Fontecarmoa como "Piscina Municipal Celestino Brianes Lojo", concluíndo así o proceso iniciado coa proposta realizada pola Alcaldía uns días despois da súa inesperada morte e a posterior aprobación da mesma na Xunta de Goberno e no Consello Reitor da Fundación Municipal de Deportes.
Dende ese día, a piscina de Vilagarcía levaba oficialmente o seu nome aínda que faltaba a homenaxe pública correspondente en agradecemento pola súa labor "dificilmente esquecible para todos aqueles que practicaron ou coñeceron o deporte local nas últimas décadas". "É preciso", indican desde o Concello, "que a súa figura e a súa obra sexan recordadas no propio complexo deportivo de Fontecarmoa como agradecemento de todos os vilagarciáns pola súa dedicación aos demais, pero tamén como exemplo para futuras xeracións".
Brianes Lojo participou do atletismo, do baloncesto, do fútbol ou da natación, dirixindo delegacións federativas ou promovendo a creación de clubs, o último o de Natación e Salvamento. Precisamente, Celestino sempre defendeu a tradición desta disciplina deportiva en Vilagarcía. De feito, moito antes de crear o club xa participaba na organización das travesías a nado do porto. Outra das homenaxes realizadas dende o Concello e a Fundación de Deportes foi tamén darlle a consideración de Memorial Celestino Brianes á Travesía a Nado de Vilagarcía, coa primeira edición xa no ano 2019.
A súa faceta como activista do deporte tamén deixou unha fonda pegada no baloncesto, xa que exerceu de delegado zonal da Federación de Baloncesto durante máis de 20 anos, precisamente na época na que este deporte sentou as bases en Vilagarcía para chegar a contar con equipos nas principais ligas masculinas e femininas.
Tamén foi un dos promotores e fundadores da actual Fundación Pública de Servizos Deportivos -a Fundación de Deportes-, da que foi vicepresidente e vogal en distintas ocasións o que permitiu e se multiplicaron as instalacións para a práctica do deporte en Vilagarcía.