Gorka Gómez destaca o papel dos clubs para posicionar a provincia de Pontevedra "como referente no deporte"
O deputado de Deportes, Gorka Gómez, recibiu este luns a representantes de diversos clubes de elite da provincia nun acto marcado polo optimismo de cara os obxectivos deportivos. O deputado destacou o esforzo dos clubes por posicionar á provincia de Pontevedra como referente no deporte nacional.
Ao acto asistiron representantes do Pontevedra C.F., Coruxo F.C., Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Balonmán Cangas, Club Amfiv, G.D. Supermercados Froiz, Club Rías Baixas, Monteporreiro TM, Club Cisne Balonmano, A.D. Punta Fondón e Club Badminton Pontevedra.
Gorka Gómez dirixiuse a todos os representantes alí presentes para agradecer o compromiso e o esforzo de todos os clubes.
Entre os éxitos máis recentes, o deputado destacou a medalla de bronce de Antía Chamosa no Nacional de Marcha, ou a medalla de ouro de Luci Gómez, Silvia Aguete e Ale de Paz coa selección nacional no Europeo feminino de fútbol sala.
Doutra banda, Gómez resaltou o bo rendemento dos equipos de ciclismo, Supermercados Froiz e Rías Baixas, e tamén quixo poñer en valor a importancia de apoiar os que loitan pola permanencia nas súas respectivas ligas, como o Pontevedra CF en 1ªRFEF ou o Cisne en Asobal.
O adestrador dos granates, Juan Señor, foi especialmente recibido polo deputado ao levar apenas un mes na cidade. Os de Pasarón contaron cunha gran representación no acto ao asistir tamén Marcos del Río en lugar da presidenta Lupe Murillo, e os xogadores Charles, Churre, Alberto Rubio e o capitán Alex González.
Outro dos temas tratados polo o deputado foi a difícil situación económica no deporte tras a pandemia, explicando o esforzo adicional que levaron a cabo clubes e administracións públicas. Doutra banda, Gómez quixo pedir máis apoio aos equipos da provincia, afirmando que "a colaboración público-privada é fundamental para poder subsistir".
Tras as súas declaracións, os representantes deportivos dedicaron unhas palabras para destacar o importante papel do deporte na provincia e desexaron un final de tempada exitoso para todos os clubes.