A UEFA confirma a Baltar, A Lomba, A Senra e Burgáns como sedes da fase final da Copa das Rexións
Por Redacción
Os campos de fútbol do Salnés vestirán entre o 9 e o 17 de xuño as súas mellores galas para albergar, por primeira vez na historia, a fase final da Copa das Rexións UEFA, o único evento no planeta no que participan futbolistas afeccionados e no que Galicia exercerá de anfitrión.
O sorteo dos emparellamentos tivo lugar este domingo no descanso do partido entre Deportivo e celta B no estadio de Riazor ante máis de 25.000 espectadores e a UEFA deu este luns o visto bo ás sedes que albergarán esta fase final. Os campos elixidos son A Lomba (Vilagarcía de Arousa), Burgáns (Cambados), Baltar (Portonovo) e A Senra (Ribadumia).
O sorteo deparou que a Selección Galega, encadrada no Grupo A xunto coas seleccións de Bavaria (Alemaña), Zenica-Doboj (Bosnia e Hercegovina) e a República de Irlanda amateur; debute o venres 9 de xuño ás 19 horas no campo de Burgáns ante a República de Irlanda amateur. O segundo partido será o domingo 11 de xuño no campo de Baltar ante Zenica-Doboj (Bosnia e Hercegovina) ás 19 horas. Por último, a terceira e última xornada da fase de grupos para o equipo que prepara Iván Cancela disputarase o mércores 14 de xuño ás 19 horas no campo da Lomba ante Bavaria (Alemaña).
A gran final está prevista para o sábado 17 de xuño a partir das 19 horas.
A delegación da UEFA desprazada a Galicia e os representantes das oito seleccións finalistas visitaron durante a xornada deste luns os catro campos que albergarán a disputa desta fase final da Copa das Rexións UEFA. Representantes dos clubs anfitrións recibiron a expedición internacional e tomaron nota das melloras esixidas pola UEFA, se ben os catro campos cumpren con nota cos requerimentos plantexados.
As instalacións deportivas do RC Celta e os campos de fútbol do Salvador Otero (A Illa de Arousa), San Pedro (Vilalonga), O Revel e o Municipal de Baltar únense á infraestrutura de instalacións que se utilizarán durante a fase final da Copa das Rexións UEFA como campos para os adestramentos das oito seleccións participantes. Desde a RFGF agradecen a predisposición dos clubs que ceden estas instalacións.
Relacionadas:
-
Galicia dobrega a Irlanda no seu debut na Fase Final da Copa de Rexións UEFA (2-0)
Por Diego Espiño |
-
Galicia xa traballa sobre o céspede pensando no seu debut na Fase Final da Copa de Rexións UEFA
Por Redacción |
-
Presentada a Fase Final da Copa das Rexións UEFA que se xogará nas Rías Baixas do 9 ao 17 de xuño
Por Diego Espiño |
-
Baltar, A Lomba, Burgáns e A Senra póñense a punto para acoller a Copa de Rexións UEFA
Por Redacción |
-
A UEFA examina os campos de herba do Salnés para acoller a fase final da Copa das Rexións
Por Redacción |