Judokas de todo o país loitarán este sábado en Marín pola Copa de España
Por Redacción
O pavillón do colexio San Narciso de Marín acolle este sábado pola mañá a celebración dunha proba da Copa de España "A" de categoría absoluta masculina e feminina na que participarán máis de 130 judokas procedentes de todas as comunidades autónomas do país e de estados como Portugal, Puerto Rico e Estados Unidos.
Organizado polas federacións galega e española de judo, coa colaboración do Concello de Marín e a Xunta; o evento comezará o venres coa chegada dos deportistas e as pesadas oficiais. Con todo, a competición comezará ás 9 horas do sábado nos catro tatamis que se instalarán na pista polideportiva do pavillón deste centro educativo.
O sistema de competición será por eliminatoria directa en cada un dos 14 pesos que compoñen os cadros masculino e feminino. A partir das 12.15 horas está previsto que comecen os combates polo bronce, mentres que as finais arrincarán ás 13 horas co obxectivo de realizar a clausura e entrega de medallas ás 14 horas.
Por parte da selección galega, participarán na Copa de España un total de 53 judokas, 33 homes e 20 mulleres. A delegación galega é a máis numerosa de todo o evento, seguida pola madrileña, que achega 22; e a portuguesa, con 13. É rechamante tamén o concurso de dous judokas de Porto Rico e unha de Estados Unidos.
Relacionadas:
-
Os 150 deportistas máis prometedores do judo nacional concéntranse en Marín
Por Redacción |
-
O mellor judo de categoría absoluta viviuse este sábado en Marín
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Os cadetes do Judo Club Pontevedra regresan do nacional cun ouro e un bronce
Por Redacción |
-
Marín, sede do 33 Stage Internacional de Judo
Por Redacción |
-
Marín vive unha intensa fin de semana chea de judo
Por Redacción & Cristina Saiz |