Desvelados os circuítos definitivos e horarios para a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Por Diego Espiño
Pontevedra segue descontando os días para acoller o maior evento deportivo da súa historia, coa Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon que terá lugar o próximo mes de setembro.
A cinco meses para a súa celebración aos poucos vanse coñecendo detalles, como o horario definitivo das diferentes probas e tamén os percorridos. Neste sentido, a carreira principal, na que participarán os mellores triatletas do planeta, sufriu un lixeiro cambio con respecto ao circuíto testado na Copa do Mundo de 2022.
Ese cambio chega no sector ciclista, que se 'esquece' do campus universitario para facer máis metros ao longo da Avenida de Compostela.
As carreiras elite e sub-23 serán as estrelas do cartel, empezando o 23 de setembro coas probas masculinas para menores de 23 anos (14.20 horas) e a elite (17.20 horas), estando fixadas as carreiras femininas para o domingo 24 de setembro ás 14.00 e 16.45 horas respectivamente.
Nelas, os deportistas afrontarán un percorrido que comezará na ponte dos Tirantes con 1.500 metros de natación (unha volta de 1 quilómetro e unha segunda reducida de 500 metros) e continuará con 40 quilómetros de ciclismo, con 8 voltas a un circuíto que tras a zona de transición dirixirase por Rafael Areses para subir a Avenida de Compostela cara á saída da cidade, regresará cara ao Pavillón Municipal dos Deportes virando pola Avenida Domingo Fontán e chegando ata a ponte de As Correntes, momento no que cruzarán o río para iniciar o retorno ao CGTD en liña recta por Avenida de Uruguai e Bos Aires.
En canto ao percorrido a pé, con 10.000 metros dividos con catro voltas, será o mesmo da última Copa do Mundo percorrendo o centro histórico da cidade. Así os triatletas abandonarán o CGTD pola porta da rúa Fernando Olmedo para dirixirse á Rúa da Cruz Vermella ata Pai Amoedo.
Despois meteranse pola Zona Monumental por rúa Sarmiento e subirán por Pasantería ata os xardíns fronte ao Convento de San Francisco, seguindo pola Praza de Ourense para pasar por Peregrina e Michelena e iniciar o descenso cara á zona do río por Fernández Villaverde, Curros Enríquez, Don Gonzalo e César Boente chegando ao Mercado, onde se virará pola Rúa Serra ata enganchar coa Avenida de Bos Aires na ponte de Santiago e regresar ao CGTD.
Para os Grupos de Idade pola súa banda, categoría na que se espera un maior número de deportistas, os cambios significativos prodúcense no sector ciclista, cun percorrido de só unha volta para completar os 40 quilómetros regulamentarios, e que se prolongará pola Nacional 550 en dirección a Caldas de Reis. Unha competición que terá lugar o domingo 24 de setembro a partir das 8.30 horas da mañá.
O horario completo dos diferentes eventos que compoñerán a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon (os percorridos poden consultarse na galería de imaxes adxunta), é o seguinte:
- Venres 22 de setembro:
- 16.00 horas. Tríatlon Super Sprint Grupos de Idade
- Sábado 23 de setembro:
- 9.00 horas. Paratríatlon Sprint
- 17.20 horas. Tríatlon Estándar Elite Masculino
- 14.20 horas. Tríatlon Estándar Sub-23 Masculino
- Domingo 24 de setembro:
- 8.30 horas. Tríatlon Estándar Grupos de Idade
- 10.40 horas. Aquabike Estándar Grupos de Idade
- 14.00 horas. Tríatlon Estándar Sub-23 Feminino
- 16.45 horas. Tríatlon Estándar Elite Feminino
- 19.15 horas. Remuda Mixta Paratríatlon Open Race
Relacionadas:
-
Medallistas olímpicos e mundiais, na lista de saída da Gran Final de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon custará 2,8 millóns de euros
Por Diego Espiño |
-
Asinado o convenio de colaboración entre Concello e Deputación para a Gran Final das Series Mundiais
Por Redacción |
-
Ampliar os horarios de comidas e ceas, cartas en varios idiomas… a hostalería prepárase para a Gran Final das Series Mundiais
Por Redacción |
-
Pontevedra abre camiño a Málaga, designada como sede da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en 2024
Por Diego Espiño |
-
Reunión entre o Concello e hostaleiros para perfilar a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon
Por Redacción |
-
A gran final das Series Mundiais de tríatlon achégase a Pontevedra e necesita voluntariado
-
Pontevedra repetirá en 2025 como sede do Mundial Multideporte de tríatlon
Por Diego Espiño |
-
"En 200 días Pontevedra volverá escribir un novo capítulo da súa historia"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Definido o calendario da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra conta os días para a Gran Final das Series Mundiais de 2023
Por Redacción |