Buscan pola Internet un equipo de waterpolo para un "stage" de Nadal en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Búscase equipo de waterpolo para un "stage" navideño. Preferiblemente que teñan escuadra masculina, feminina e categorías inferiores. Ofrécese tres días en Pontevedra con todas as comodidades. Razón: Club Waterpolo Galaico Pontevedra. ÿ a esencia do anuncio que este equipo pontevedrés colgou na súa páxina web para repetir a exitosa experiencia da tempada pasada.
O obxectivo, segundo os dirixentes do club, é traballar "para tratar de seguir crecendo waterpolísticamente". Entenden que debido ao "illada" que está Galicia no waterpolo nacional, unha das formas que teñen de poder aprender e mellorar a nivel deportivo é invitar a algúns clubs "a adestrar connosco".
Recordan que a tempada pasada contaron coas visitas dos clubes Askartza (setembro) e CN Olot (decembro) en Pontevedra e a experiencia resultou "moi boa para todos". Por iso, aproveitando as vacacións de Nadal pretenden organizar un "stage" de adestramentos conxuntos durante dous ou tres días, para as categorías absoluta masculina, infantil e absoluta feminina.
E que ofrece o Club Waterpolo Galaico Pontevedra? Pois unha piscina e ximnasio para adestrar conxuntamente entre o 26 e o 30 de decembro, con horarios de mañá e tarde. Ademais, aloxamento nunha residencia de Pontevedra, a seis quilómetros da piscina, con prezos moi económicos, xa que cifran a pensión completa en 15 euros por persoa.
Pero tamén "venden" os seus éxitos deportivos. Explican que en categoría absoluta masculina están loitando polo título de liga galega e levan dúas tempadas participando no Campionato de España de 3ª División, mentres que en categoría absoluta feminina aseguran ter un equipo novo e xogadoras con pouca experiencia; e en canto á base, presumen de que as últimas tempadas quedaron en todas as categorías entre os dous primeiros postos de Galicia.
Aqueles clubs interesados en vir a Pontevedra para participar no "stage", deben poñerse en contacto con eles por correo electrónico: waterpolo@cngalaico.com O éxito de convocatoria foi tal que, en apenas dúas horas, xa recibiron a primeira solicitude, os cataláns do CN Badalona.