Repartición de puntos (0-0) entre Villalbés e Pontevedra nun partido disputado, pero sen apenas ocasións de gol
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Demasiadas baixas. O Pontevedra acusou as ausencias, especialmente a do seu máximo goleador, Pablo Carnero, na súa visita ao Rácing Villalbés. Pero tamén acusou en exceso a falta dun organizador no centro do campo, capaz de canalizar e xerar o xogo ofensivo con posibilidades de desbordar a seria defensa local.
Os granates foron superiores dende o punto de vista territorial ao seu rival. Tiveron máis tempo o balón. Pisaron con máis frecuencia o campo contrario que o seu rival o seu. Pero uns e outros demostraron o moito que lles custa xerar ocasións claras de gol.
O Villalbés, novamente da man de Charly, recuperou algo da intensidade no seu xogo. Buscou un fútbol máis directo, partindo do repregamento voluntario, cedendo espazo e manexo do balón ao rival, á espera dunha oportunidade de enganchar un contragolpe, ou dunha acción a balón parado, confiando a súa sorte á calidade das botas do seu especialista, Justino.
Pero a aposta non lle resultou. Nin Justino atravesa o seu mellor momento, nin homes como Poratti teñen a faísca de antano para aproveitar esas contadas ocasións de perigo que foron capaces de xerar.
Precisamente Mauro Poratti tería nos seus pés as únicas ocasións dignas de mención de todo o primeiro tempo. A primeira superada a media hora, nun disparo con pouco ángulo que Edu desviou a corner, e a segunda e última de todo o partido, ao fío do descanso, nun gran centro de ÿscar Martínez, que rematou só frouxo e ao centro onde a esperaba con alivio un ben situado meta pontevedrés.
Con esas accións resúmese unha primeira parte con pouco fútbol e menos ocasións de gol. O Pontevedra non encontrou un só remate entre os tres paus, a pesar da súa maior posesión e proximidade á área rival, e unicamente nunha acción na que Borja esvarou ante Luismi, pero o dianteiro granate non acertou a aproveitar, a escasa parroquia local tivo un sobresalto.
A segunda parte e transcorreu por parecidos rumbos. Loita e desgaste físico non se lle pode negar a ningún dos contendentes, sobre un terreo moi rápido como consecuencia da chuvia. Outra cousa é a calidade, que estivo ausente da Magdalena.
O mozo Kevin Presa probaría fortuna dende a frontal, encontrando axeitada resposta dun ben colocado José Ángel, minuto 51. E logo Richi peitearía fóra un corner lanzado por David Feito.
Pola súa banda os locais encontraron na incorporación de José Varela unha tímida forma de sacudirse o dominio territorial do Pontevedra, e súa foi a única aproximación de perigo, tras un inoportuno esvarón de David Feito, pero o centro pasado do atacante local paseouse ante a portaría de Edu sen encontrar rematador.
Ao final xusto repartición de puntos nun partido no que as portarías case estiveron de adorno.
RÁCING CLUB VILLALBÿS (0): José Ángel (2); López (2), Josito (2), Borja (2), Álex (1); Hugo (1), Make (1); Poratti (1), Justino (1), ÿscar Martínez (1); e Nico (1).
Substitucións: Álvaro (1) por Nico, minuto 64. José Varela (2) por ÿscar Martínez, minuto 69. Javi Varela (s.c.) por Hugo, minuto 81.
PONTEVEDRA CF (0): Edu (2); Caco (1), Yago Vázquez (1), Miguel (2), David Feito (2); Javi Otero (1), Kevin Presa (1), Pablo Lede (2), David Pérez (1); Kevin Levis (1) e Luismi (1).
Substitucións: Richi (1) por Luismi, minuto 62. Tomás (s.c.) por Javi Otero, minuto 81. Emilio (s.c.) por Kevin Presa, minuto 85.
Árbitro: Daniel Arias Penas (Vigo), auxiliado nas bandas por Jorge Caballero e Cristian Vaqueiro. Expulsou o adestrador local, Charly (minuto 85), a indicación do seu asistente, e ao xogador do Rácing Villalbés, Hugo, por dobre amarela, a segunda cando se encontraba no banco (minuto 87) tras ser substituído. Amoestou a Javi Otero, do Pontevedra.
Incidencias: Estadio Municipal A Madalena (Vilalba). Uns 100 espectadores.
VESTIARIOS:
Charly: "Literalmente ao colexiado díxenlle, levanta a bandeira, ostia"
CHARLY: Realismo no técnico local, que daba por bo o empate, admitindo que apenas houbera ocasións de perigo: "Obxectivamente pode que o resultado fose xusto. Quizais tivemos nós máis chegada á área, pero tampouco a suficiente, un par delas de Poratti e outra de José Varela, pero non excesivamente claras, pero iso pódese dicir que é xusto. Con respecto ao partido anterior o meu equipo xa foi máis intenso, con máis orde, máis agresivo e ese é o camiño a seguir. Bastante respecto entre ambos os dous equipos, houbo hoxe. Literalmente ao colexiado díxenlle, levanta a bandeira, ostia. Se interpreta que iso é expulsión hai que respectalo. Tratarei de non o facer para o seguinte".
MANU FERNÁNDEZ: O adestrador granate tamén daba por válido o punto conseguido, tendo en conta as numerosas baixas coas que o seu equipo afrontaba o partido: "Se fose un partido normal quizais estaría un pouco decepcionado por non gañar, pero é un campo complicado. Acaban de cambiar de adestrador e Charly dálles moita intensidade, o que os converte nun equipo difícil, que xoga moi directo, por iso hai que dalo por bo. ÿ un punto máis fronte a un equipo co que perdemos na primeira volta. Se chegas ao minuto 85 e non podes gañar, polo menos non perdas. Ocasións de gol claras non recordo ningunha. Eles tiveron a de Poratti ao final da primeira parte e nada máis. Foi un partido de cero a cero claro".