Minata Keita, procedente do Al-Qázeres, incorpórase á disciplina do Arxil ata final de temporada
Por Alejandro Espiño
Minata Keita, unha pívot de 23 anos natural de Mali, foi finalmente a elixida para reforzar o xogo interior do Arxil. O atraso nos trámites para a chegada da senegalesa Maimouna Diarra obrigou ao equipo pontevedrés a buscar unha alternativa a esta fichaxe. Atopárono nesta xogadora que chega procedente do Al-Qázeres, o actual segundo clasificado da Liga Feminina 2. En principio, fíxoselle contrato ata final de tempada.
A achega que Minata Keita, de 1,90 de estatura, pode facer ao Arxil queda máis que demostrada vendo os seus números no equipo extremeño. Nos nove encontros disputados promedia 14,6 puntos e case 11 rebotes por partido, dous aspectos nos que destacaba tamén a xamaicana Tajay Ashmeade, a quen virá substituír no equipo. En principio, vén para xogar de 5, pero a súa versatilidade permítelle xogar de 4 sen problema.
Trátase dunha xogadora, segundo destaca o director deportivo do Arxil, Lino Vázquez, "que tiene muy buena mano, defiende muy bien y es muy atlética". Espera que aporte ao equipo pontevedrés unha maior dureza en defensa e que as súas compañeiras aproveiten a súa grande mobilidade sobre a pista, para recuperar o gran nivel de xogo que despregaron antes do parón navideño. "Con ella tenemos equipo para estar en la parte media alta de la tabla", sinalou.
A saída de Keita do seu actual equipo, ao que chegou en setembro procedente de liga tunisiana, non se debe a un baixo rendemento da xogadora, senón a unha decisión técnica. Al-Qázeres acaba de pechar a fichaxe dunha pívot de Liga Feminina coa que busca reforzar o equipo para dar o salto á máxima categoría. Iso ía provocar que a malí disputase menos minutos dos que tivo ata agora. Por esa razón o Arxil fixouse nela.
Aproveitando a boa relación que hai entre ambos equipos, a directiva verde púxose en contacto con eles. Aínda que inicialmente os plans do Al-Qázeres eran que continuase con eles, acabaron por aceptar a oferta pontevedresa. "Les dijimos que si tenían dudas o si iba a disputar menos minutos a nosotros nos interesaba, hicimos una oferta y la aceptaron tanto ellos como sus representantes. Todo se cerró muy rápido", explica Lino Vázquez.
Minata Keita ten previsto chegar este luns a Vigo e xa adestrará pola tarde co equipo. Como chega cun alto ritmo de competición (este mesmo sábado marcou 19 puntos no partido contra o Celta Selmark), non haberá problemas para que poida debutar co Arxil xa a próxima fin de semana, no partido contra o Universidad de Valladolid. O transfer solicitarase nas próximas horas á Federación Española de Baloncesto.
DIARRA SEGUE EN CARTEIRA
Esta fichaxe non implica que o Arxil renuncie á fichaxe da senegalesa Maimouna Diarra. Lino Vázquez insiste que se trata dunha xogadora de futuro coa que se quere contar a medio prazo. Os trámites para a súa saída do país africano aínda se poderían alongar varias semanas "y no podemos esperar por ella", xa que complicaría as opcións deportivas do equipo. "Pero contamos con ella cuando se resuelva su situación".
Relacionadas:
-
Minata Keita, MVP da xornada na Liga Feminina 2 no seu primeiro partido co Arxil
Por Redacción |
-
O Arxil, xa con Minata Keita no equipo, ponse a proba ante o Universidad de Valladolid
Por Redacción |
-
O Arxil decide esperar pola pivot senegalesa Maimouna Diarra a pesar dos seus problemas de visado
Por Diego Espiño |