O sub23 do Froiz Rubén Fandiño, novo campión de Galicia de fondo en estrada
Por Redacción
O Sub23 Rubén Fandiño, do Supermercados Froiz, fíxose esta fin de semana co título autonómico de fondo en estrada que estaba en xogo no Gran Premio Concello do Porriño. O gañador elite foi Iván Días do Lasal Cocinas-Louriña.
A terceira edición da carreira organizada polo Club Máster da Louriña reuniu a unha centena de corredores na liña de saída da Avenida Domingo Bueno do Porriño, onde además de estar en xogo o Campionato de Galicia Elite-Sub23, repartía puntos para os rankings da Real Federación Española de Ciclismo.
A carreira estivo dividida en dúas partes: 'A Volta ao Val' e as tres ascensións a portos de montaña, o de San Cosme e o de Abelenda, este último en dúas ocasións.
A competición estivo marcada por unha fuga de 17 ciclistas, que conseguiron unha renda próxima aos 2 minutos rodando polas comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor. A Meta Volante atopábase no quilómetro 70 e por alí pasou primeiro Álvaro Carasa (Padronés-Cortizo). De feito, malia que o conxunto de Padrón era o que contaba con máis representantes no grupo dianteiro, púxose a tirar do pelotón despois de atravesar Baiona para reducir considerablemente as diferenzas, dando continuidade ao traballo feito anteriormente polo High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo e o Laboral Kutxa.
O primeiro cambio na proba chegou nas ramplas do primeiro porto, onde o Padronés- Cortizo lanzou a Vojtech Kmikek e a Carlos Gutiérrez, que coroaron San Cosme, no quilómetro 91, xunto a Adrián Bugarín (Supermercados Froiz). O trío consolidouse camiño do Sprint Especial do Porriño, punto quente que se adxudicou o corredor checo, na antesala de arrancar o dobre ascenso ao Alto de Abelenda.
O ritmo da escuadra padronesa pasou factura a Bugarín, que se descolgou dos seus rivais, mentres Rubén Fernández Oliveira (Norinver) pelexaba para alcanzar a Kminek e a Gutiérrez na segunda subida a Abelenda, pero o defensor da camisola elite do Campión de Galicia non conseguiu conectar e o éxito dos compañeiros de equipo xa non correu perigo no regreso ao centro da capital da Louriña.
Con 29 segundos de vantaxe sobre o pelotón, o abulense e o checo festexaron o 'dobrete' do Padronés-Cortizo nos metros finais; Gutiérrez cedeu o triunfo no Gran Premio Concello do Porriño a Kminek; e posto que ningún dos dous optaba aos premios do Campionato de Galicia, estas se decidiron no esprint do grupo perseguidor con Rubén Fandiño como o máis rápido, acadando a terceira praza na carreira e por primeira vez o título sub23, por diante do abulense Noel Martín (Vigo-Rías Baixas) e de Iván Días, que grazas a súa quinta posición estreouse como campión autonómico elite.
Desta forma, o primeiro chanzo do podio do Campionato foi para o cambadés do Supermercados Froiz Rubén Fandiño, o segundo para Alejandro Paz (Padronés-Cortizo) e o terceiro para Sergio Lorenzo (Laboral-Kutxa), segundo e terceiro respectivamente na clasificación sub23 do Campionato.
Pola súa banda, o vigués do Lasal Cocinas-Louriña tivo como compañeiros no caixón elite a Iago Medín (Norinver), que recibiu a medalla de prata, e a Juan Vidal (Lasal Cocinas-Louriña), bronce na cita organizada polo equipo ao que pertence.
As clasificacións complementarias acaparounas o Padronés-Cortizo: impúxose por equipos, anotouse a Meta Volante con Carasa, o Sprint Especial con Kminek e a Montaña con Gutiérrez.
A cerimonia de entrega de premios contou coa participación de Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño; Abel Estévez, concelleiro de Deportes; Rafael Pérez, de Lasal Cocinas; Juan José Álvarez, presidente do Máster da Louriña; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.
Relacionadas:
-
Fin de semana de podios para Froiz e XSM
Por Redacción |
-
O poiense Raúl Casalderrey, o mellor do Froiz no Campionato de España cun sétimo posto
Por Almu Dapena |
-
Daniel Jiménez, do Froiz, terceiro na xeral da Volta a Castelló
Por Redacción |
-
"Fin de semana para o recordo" do Froiz na Volta a Portugal do Futuro
Por Redacción |
-
Vicente Rojas, do Froiz ao equipo profesional italiano Bardiani
Por Redacción |
-
Vicente Rojas, do Froiz, gañador da etapa da Copa de España celebrada en Padrón
Por Redacción |
-
Raúl Casalderrey e María Filgueiras, os máis rápidos contra o crono en Galicia
Por Redacción |