Atrásase o debut de Lourdes Domínguez en dobres ante a "calor infernal" que azouta Australia
Por Alejandro Espiño
Ata 44 grados de temperatura alcanzaron os termómetros en Melbourne, cidade na que se está disputando o Aberto de Australia, o primeiro Grand Slam da tempada tenística. Esta circunstancia desatou unha oleada de indignación entre os deportistas, obrigados a xogar durante horas baixo esa calor infernal. "Ata que alguén morra, van seguir poñendo partidos con esta calor", denunciaba o canadiense Frank Dancevic.
Tamén os tenistas españois, moitos deles a través de Twitter, expresaron o seu enfado logo de dous días xogando baixo unha calor sofocante. Os continuos desmaios e vómitos dos deportistas e os numerosos abandonos que se están rexistrando levaron a xente como Rafa Nadal a afirmar que "se hace peligroso" xogar con esas condicións. "Una cosa es lo que conviene y otra cosa es lo que es. Tanto calor es algo que no recuerdo".
A situación estalou este xoves cando a organización viuse obrigada a suspender todos os seus partidos, a excepción dos que se disputaban nas pistas principais que contan cunha cuberta retráctil. Os encontros retomáronse pasadas as seis da tarde, hora local, cando a temperatura baixou suficiente como para non poñer en risco a integridade física dos tenistas. Pero non houbo tempo para disputar todos os previstos.
Entre os que quedaron aprazados ata mañá está o partido de Lourdes Domínguez, que tras caer eliminada en primeira rolda do torneo individual, tiña que xogar o seu primeiro partido en dobres este xoves. Xunto coa súa compañeira, a estadounidense Lauren Davis, tiña que enfrontarse á parella rusa formada por Ekaterina Makarova e Elena Vesnina, cabezas de serie número 3 do torneo.
Xogarán finalmente mañá venres. Será na pista 7 do complexo deportivo Melbourne Park, non antes das 14.00 horas locais, dúas da madrugada en España.