Traballo e sufrimento, claves do importante triunfo (0-1) do Pontevedra en Areas
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Non hai nada doado no fútbol. A vitorias case sempre custan traballo, sexan ante o rival que sexan, e o partido que disputou o Pontevedra fronte ao Cultural Areas non foi a excepción. Traballo e sufrimento ata o asubío final, a pesar da superioridade numérica, para traerse tres puntos importantes dun escenario complicado no que os ponteareanos levaban cinco vitorias consecutivas.
Un gol de Tubo, aproveitando un balón solto á saída dun corner, plasmou o dominio territorial dun Pontevedra que se embargo non estivo fino na finalización, e lle custou moito crear oportunidades claras de perigo ante a meta rival. Por entón os granates xogaban en superioridade, despois dunha controvertida decisión arbitral, que deixara os de Fonsi Valverde cun menos sobre o céspede ao ver a súa central, Cañi, unha rigorosa segunda tarxeta amarela.
E é que o colexiado coruñés se empeñou case dende o principio en converterse en protagonista, e rematou por deixar a uns e outros descontentos. Máis pendente dos xestos ou protestas que do verdadeiramente importante, ambos os dous equipos lle pediron unha pena máxima. Primeiro foi o Pontevedra, cando David Pérez caía na área, tras unha entrada de Damián, minuto 26, e logo o Cultural Areas, xa no desconto, cando Kevin Levis se complica nun rexeitamento doado e Hugo cae. Posiblemente fosen dos poucos acertos do colexiado. En ambos os dous casos deu a sensación de que os defensores tocaban balón. Non é pouco. Polo menos, malia a desconformidade dos dous técnicos, a mala actuación arbitral non tivo reflexo directo no resultado.
A primeira parte foi de dominio visitante. As reducidas dimensións do terreo de xogo, que ademais estaba moi rápido, deron paso a un fútbol vertical e directo, con ambas as dúas defensas moi serias e sen complicarse a vida. Edu estivo máis tranquilo que o seu colega Vitas, pero este tampouco tivo demasiado traballo, xa que salvo a comentada acción na que David Pérez caeu, e senllos disparos de Javi Otero e Pablo Carnero, que marcharon desviados, as súas intervencións se limitaron aos saques de porta.
Tras o descanso os locais saíron moi intensos, conseguindo meter o Pontevedra atrás. Pero pouco durou o arreón. No minuto 55 chegaba a segunda amarela, nunha falta moi clara de Cañi a David Pérez, aínda que a tarxeta parecía excesiva. E en superioridade o Pontevedra volveu facerse co control, mentres o Areas intentaba trabar aínda máis un partido intenso, pero con pouco ritmo.
E case o consegue, ata que pasada a media hora un corner botado por David García é rexeitado en curto pola zaga local e Tubo, oportuno, mete a planta da bota, dende o interior da área pequena, batendo a Vitas.
Os locais acusaron o gol, e Kevin Levis estivo a punto de sentenciar, cun gran movemento, controlando o balón de costas, e rematando a media volta, pero Vitas fixo a parada do partido, voando para sacar o balón da escuadra, e evitando tamén o posterior remate de Pablo Carnero.
Quedaban sete minutos e o Cultural Areas tirou de casta e orgullo, yéndose arriba en busca do empate. Tivo un par de opcións a balón parado, pero non acertou nunca a rematar, quedando exposto ás contras, como a que fixo Javi Otero, cortada de forma violenta por Hugo, cunha dura entrada por detrás que lle custou o vermello directo, ao fío do minuto 90.
Aínda con dous homes menos o equipo local seguiu intentándoo no desconto con máis corazón que perigo real, e pediu o penalti tamén comentado, nun balón que despexou apuradamente Kevin Levis. Non o sinalou o colexiado, que seguiu tirando de tarxetas, expulsando o fisioterapeuta do Areas, polas protestas iradas nesa última xogada.
CULTURAL AREAS (0): Vitas (2); Damián (2), Cañi (1), Bruno (2), Portas (1); Fonseca (2), Víctor Besada (2); Couso (1), Juan Feijoó (1), José Arenas (1); e Carlos Pereira (2).
Substitucións: Sito (1) por Juan Feijoó, minuto 59. Hugo (1) por Carlos Pereira, minuto 74. David Domínguez (s.c.) por Couso, minuto 84.
PONTEVEDRA, C.F. (1): Edu (2); Adrián (2), Yago Vázquez (2), Pablo (2), David Feito (2); David García (2), Pablo Lede (2); Javi Otero (2), Fran Fandiño (2), David Pérez (1); e Pablo Carnero (2).
Substitucións: Tubo (2) por Fran Fandiño, minuto 59. Kevin Levis (1) por David Pérez, minuto 72. Kevin Presa (s.c.) por David García, minuto 85.
Árbitro: Adrián García Rodríguez (A Coruña), auxiliado nas bandas por Alberto Calvo Pérez e Bruno Méndez Castro. Expulsou con vermello directo a Hugo do Cultural Areas (minuto 90), así como ao fisioterapeuta do equipo local (minuto 93), e por dobre amarela ao tamén local, Cañi (minuto 55). Amoestou a Vitas e José Arenas, polos locais, e a Adrián, David Feito, Pablo Carnero e Kevin Levis, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 78: Tubo.
Incidencias: Campo da Lomba (Areas). Boa entrada con máis de 600 espectadores e numerosa presenza de seguidores visitantes. Gardouse un minuto de silencio polo falecemento do presidente do Somozas, Manuel Candocia.
VESTIARIOS:
Fonsi Valverde: "Con nove non nos pitan un penalti claro"
FONSI VALVERDE: Aínda que se queixou da actuación arbitral, o técnico branquiazul non quixo buscar escusas ao resultado: "De contento nada. ÿ verdade que foi un partido de poucas ocasións de gol. Os dous equipos intentamos controlar, o Pontevedra tampouco expuxo moito. A expulsión condicionou o resultado, porque logo a nós se nos fixo moi longo o partido, contra un equipo físico como é o Pontevedra, que xoga moi directo e chega rápido arriba, e aí sufrimos. En igualdade numérica o partido estivo moi igualado, con momentos nos que mesmo fomos nós algo máis incisivos, e que puido rematar con empate, que dende o meu punto de vista mesmo sería o máis xusto. Nós temos queixa das decisións arbitrais, porque se xuntaron varias que nos prexudicaron, pero non estou a dicir con isto que o árbitro sexa o causante da nosa derrota, pero si que condicionou bastante o noso xogo. O Pontevedra non tivo ocasións claras, nós tampouco, pero eles aproveitáronse dese rexeitamento nun corner e gañaron, xusto, moi xusto, tal como foi o partido, moi trabado, porque eles tamén xogan a trabalo. Con nove non nos pitan un penalti claro e puidemos mesmo meterlles algo de medo, pero non acertamos e eles si".
Manu Fernández: "Faltounos pegada ese último pase para facer máis dano, pero fomos mellores"
MANU FERNÁNDEZ: Satisfeito, non só do resultado, se non do traballo dos seus homes: "Tivemos un montón de opcións a balón parado e aínda que non estivemos finos ao final unha delas deunos a vitoria. Sabiamos que hoxe era un partido para ter o balón en campo contrario, porque as perdas nos podían condenar, e o fixemos, pero faltounos pegada ese último pase para facer máis dano, por iso non nos fomos ao descanso con vantaxe, pero creo que estivemos mellor ca eles. Despois da expulsión perderon un xogador na primeira liña de presión e iso permitiunos ter máis espazos e máis chegada, pero fáltonos efectividade. Kevin toca balón, outra cousa é ca eles co 0-1 normal que pidan penalti, pero eu creo que toca balón, e a da primeira parte, David dime que chega antes ao balón e que o derruban, pero ben, non hai que darlle máis importancia".