Facenda aperta o Teucro e complica o seu futuro inmediato
Por Diego Espiño
O pasado mes de decembro o Teucro salvou unha nova 'pelota de partido' aboando 62.000 euros á Axencia Tributaria dentro da débeda privilexiada que mantén a entidade pontevedresa.
Era só o primeiro paso, pois os prazos que esixe Facenda complican o futuro inmediato do club azul.
O motivo principal é que, finalmente, a administración só aceptou un aprazamento dos pagamentos de dous anos e medio, a metade do formulado polo Teucro ao saír do concurso de acredores.
Esta situación supón que a entidade teucrista debe afrontar unhas maiores cantidades durante o próximo ano, xerando un desfase de preto de 90.000 euros dentro dos plans iniciais da directiva azul, que consignaban no presuposto 100.000 euros para este apartado.
O Teucro debe pagar a Facenda 12.000 euros en maio, 35.000 en xullo e outros 35.000 en decembro
Así o recoñeceu o seu presidente, Carlos García Alén, quen cifra en 190.000 os euros que debe aboar o club como amortización das diferente débedas en 2014, se ben a intención é negociar con aqueles cuxa débeda tamén se considera privilexiada (ex-xogadores ou membros do corpo técnico), uns 32.000 euros, e aprazalo nos mesmos termos que os incluídos no convenio de acredores: "lo que se pretende no es dejar de pagar a la gente, es todo lo contrario, se trata de poder cumplir".
No relacionado con Facenda o Teucro deberá facer fronte a preto de 12.000 euros en maio e dous pagamentos máis de 35.000 euros máis intereses (uns 3.000 máis), en xullo e decembro, uns prazos de obrigatorio cumprimento para que o club non entre en liquidación.
Nesta situación antóllase imprescindible aumentar os ingresos da entidade "unos 35.000 euros al menos" antes de finalizar esta tempada, xa que os gastos "es imposible ajustarlos más", segundo asegura o dirixente azul.
Todos estes datos, así como o estado das contas, serán presentados aos socios na próxima Asemblea Xeral Ordinaria, fixada para o próximo 6 de febreiro no Hotel Galicia Palace de Pontevedra ás 20:00 e 20:30 horas en primeira e segunda convocatoria respectivamente.
Relacionadas:
-
Xoves 6 de marzo, día clave para o futuro do Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro apela ao espírito do 'Pacto do Parador' para evitar a desaparición do club
Por Alejandro Espiño |
-
Balóns fóra de Concello e Deputación ante a chamada de socorro do Teucro
Por Diego Espiño |
-
Nova chamada de socorro do Teucro: "Estamos vivos por una auténtica casualidad"
Por Diego Espiño |
-
Carlos García Alén: "No va a ser un camino de rosas, pero podemos asegurar que el Teucro es viable"
Por Alejandro Espiño |
-
O Teucro sae do concurso de acredores pero necesita "urxentemente" 40.000 euros para afrontar pagamentos inmediatos
Por Diego Espiño |