Iván Docampo e Águeda Blanco impóñense na carreira popular de San Brais
Por Diego Torrado
San Brais estreou este domingo o Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) cunha proba na que se impuxeron Iván Docampo González e Águeda Blanco. A pesar do mal tempo, foi un éxito de participación, ao inscribirse 335 corredores, o dobre que na anterior (e primeira) edición desta carreira de Salcedo.
Iván Docampo González impúxose cun tempo de 20.51 e Águeda Blanco, con 25.07. A proba estivo marcada dende o comezo polo duelo entre Docampo e Rafael Fuentes e pola posición máis conservadora de José Antonio Ramallo, gañador da primeira edición do CCCP, que ten unha molesta lesión e quedou no oitavo posto.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, destacou que, a pesar das malas condicións meteorolóxicas, tan só 12 corredores deixaron de recoller o dorsal para participar na proba. O tempo, moi crudo a primeira hora da mañá, tan só influíu na participación das categorías dos máis pequenos.
Ademais dos premios para os gañadores das distintas categorías por idades, este domingo en San Brais recibiron tamén o recoñecemento os atletas máis veteranos, Manuel Rosales (78 anos) e Celina Rodríguez (55).
Agustín Fernández subliñou que as inscricións para o Circuíto marchan a moi bo ritmo. A día de hoxe xa se teñen apuntado 177 persoas, é dicir, practicamente o dobre das 90 que tiñan feito o trámite a estas datas do ano pasado. Agárdase superar a cifra de 300 nesta segunda edición e detéctase un sensible incremento na participación feminina.
O Circuíto está composto por seis carreiras e remata co Medio Maratón, o 19 de outubro. Entre medias chegará a pedestre de Monte Porreiro (13 de abril), os 10.000 metros nocturnos no centro da cidade (14 de xuño), a pedestre do Santiaguiño do Burgo (25 de xullo) e Campañó (20 de setembro).
Relacionadas:
-
Todo a punto para a carreira popular de Santiaguiño do Burgo, proba que se incorpora ao circuíto CCCP
Por Alejandro Espiño |
-
Pequenos cambios na carreira popular de San Brais, que se pasa á mañá do domingo 2 de febreiro
Por Diego Espiño |
-
Clasificación compensada e por equipos, novidades do II Circuíto de Carreiras Populares
Por Redacción |
-
O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra terá segunda edición en 2014
Por Diego Espiño |