A Peregrina dos parques e prazas

19 de agosto 2020
Actualizada: 18 de junio 2024

Gustáronme as festas porén as restricions de aforos marcadas pola pandemia. Paraceume unha boa idea o de descentralizar as festas levándoas aos barrios prazas e parques da cidade, encher de música, alegría e todo tipo de espectáculos diversos recunchos da cidade dándolle vida e póndoos en valor, en tempos escepcionais por medo aos contaxios

Gustáronme as festas porén as restricions de aforos marcadas pola pandemia. Paraceume unha boa idea o de descentralizar as festas levándoas aos barrios prazas e parques da cidade, encher de música, alegría e todo tipo de espectáculos diversos recunchos da cidade dándolle vida e póndoos en valor, en tempos escepcionais por medo aos contaxios. Penso que foi unha experiencia positiva.

Todos e todas puidemos desfrutar daquela maneira unhas festas nos tempos da pandemia, agás os feirantes que non puideron gañarse a vida coas atracions e postos tipicos de todas as festas, dexesamos e agardamos que axiña poidamos gozar da súa compaña.

O noso corazòn e coma unha furna pequena no que imos gardando anacos da nosa historia, lembranzas vividas que dormen no fardel da memoria que, de cando en vez, espertámolas e así pasa nestas datas cando nos lembramo das festas da infancia. Velaí estaba a vella alameda chea de vida nestas datas ateigada de xente coas festas da Peregrina ca sombriza das árbores centenarias onde noutro tempo paseaban os persoeiros ilustres da cidade a cotío. Agroman na nosa memoria o recendo do aceite dos churros e patacas fritidas, as nubes de algodón, as améndoas garrapiñadas, as mazàs de caramelo, a avenida a carón da alameda ateigada de postos de axouxeres e atracións, os carruseis dos cabaliños de cartón pedra, a tómbola do Cubo, as casetas de tiro onde todas as escopetas tiñan a mira desviada e era moi difícil rachar a cinta do premio, os coches de choque onde escoitabamos as novidades musicais onde Dylan nos dicía que os tempos estaban a mudar e os Door que as guerras nunca son xustas.

Logo, na noitiña co escentilar das estrelas, as verbenas onde a figura era John Balan coa orquestra os Yanquis, na alameda a carón dos azulexos de Carlos Sobrino sempre pendentes dunha boa restauracion sentadiños na baranda, as nosas nais repartindo rosquillas que viñan enfiadas nun pau de bidueiro, agardabamos o espectáculo da entrada e saída dos Touros, a Batalla de Flores, a procesión de San Roque, nunha Volta Ciclista por eliminacion. Lembro con agarimo un persoeiro entrañabel que a min asemellábaseme ao Melquiades de Cen anos de Soidade de Garcia Marquez. Todos os anos aparecía nas festas cun invento que aos cativos nos abraiaba. Un ano apereceu cun madeiro durísimo no que o premio consistía en cravar un cravo sen torcelo, outro ano puña no chan dous paquetes de tabaco e cunha bola había que tiralos. Púñaos tan separados que era imposibel. Outra vez apareceu ca boneca Amparito, etc. Pero o mellor do persoeiro eran as historias que nos contaba porque unha vez que nos deu un premio, o tabaco estaba tan mollado e pasado que houbo que tiralo.

Remataban as festas ca tirada dos fogos de luceria que mirabamos dende a Alameda como reflectían e caían na rií, aquel espazo si que era onde se vían as mellores vistas da ría antes da aldraxe da ponte da autopista. Esta é unha pequena escolma das festas que xa só permanecen na nosa memoria onde a estrela principal era un cowboy de Seixo que antes de que esistiran os efectos especiais inventou unha orquestra sen instrumentos e tirada de fogos virtuais, autor de frases miticas: LA MUERTE ES INOXIDABLE, UN HOMBRE SIN DINERO ES UN BULTO SOSPECHOSO, etc, nestas datas lembramos con nostalxia a John Balan.