A ponte do Couto, ousadía imperturbábel

04 de abril 2024

A ponte do Couto, medieval de prosapia romana, é unha ousadía. Os artífices ponteiros que a construíron en itinerario ancestral e meridiano –a antiga vía xix ás portas de Pontevedra– tiveron o atrevemento de empecer o avance do río Tomeza-Gafos –ora calmo, ora impetuoso– interpóndolle unha estrutura de pedra, soerguida sobre dúas bóvedas lixeiramene apuntadas.

Con moito tino, os canteiros enfrontaron a corrente cun agudo tallamar para domear o empuxe das augas –divide e vencerás–. E o prodixio arquitectónico deu mostra da súa valía e sabio concerto aturando impertérrito durante centurias as enchentes invernais e as inopinadas, deixándose rebordar e somerxer –carecente de peitorís– cando conviña, ao tempo que gardaba a seco transeúntes e carruaxes –fondas rodeiras do lousado.

A ponte do Couto é unha ousadía, pois de intrépidos é obrar contra natura e camiñar sobre as augas –véxase Baltimore–. Por tal, xa os canteiros de fábrica, xa o cicel popular, labraron na clave dunha das bóvedas unha cruz-calvario para encomendar a travesía e a perdurabilidade do edificio ao deus do novo credo, que xa antes foran outros os deuses propiciados.

Ninguén pode cruzar dúas veces o mesmo río (Heráclito dixit). Nós e os ríos somos mudanza; só as pontes de boa feitura permanecen imperturbábeis. Anque o animal humano sexa o único que tropeza dúas veces na mesma pedra, rexeitamos acabar entoando aquilo de "a burro morto, cebada ao rabo".

A ponte do Couto é ponte vella e canda a do Burgo –sobre o Lérez– simbolizan imperecedoiras a Boa Vila, fundada "de aqueste río (cal deles?) en la orilla".

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita

Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.

Activar ahora