A primavera do olmo

04 de abril 2021
Actualizada: 18 de junio 2024

Velai a árbore das follas do verde abril que resiste e reverdece na rúa Pardo de Cela como se quixese semellarse á fortaleza da Frouxeira, sobrevive como os vagalumes no rio dos Gafos

Velai a árbore das follas do verde abril que resiste e reverdece na rúa Pardo de Cela como se quixese semellarse á fortaleza da Frouxeira, sobrevive como os vagalumes no rio dos Gafos, como a chorima dos toxos que enchen de cor os nosos montes a flor de Rosalia, nosa poeta, como volvoretas nos campos de papoulas e lirios, como o río que aínda teñen soterrado sen luz nin vida. O Olmo, como unha bandeira verde vexetal da natureza que sobrevive nos vieiros de polución e cemento pese ao abandono e desidia de quen ten a obriga de protexelo, é un faro de luz guieiro de peregrinos e acubillo de paxaros e orgullo de todos os que queren e aprecian a beleza con que nos agasalla a natureza.

Ninguén fixo caso dos veciños cando alertaron do deterioro do Olmo e pedían unha poda axeitada e un tratamento para os seus males, os técnicos estaban noutra cousa tratando e podando as árbores do centro que son os que se ven, os dos barrios non importa aínda que como dixo un vello dos que levan a sabedoría nas engurras do rostro case que foi mellor que non lle tocaran os xardiñeiros de despacho pois igual o desgraciaban e tiñan que talalo que é o que en principio querían cando se remodelou a rúa, como xa fixeran co Laranxo que deu nome a unha rúa e que talaron cando a remodelacion e non volveron a plantar outro pese ca rúa aínda leva o nome da árbore e queríano os veciños.

Só a tenrura e agarimo dos veciños que coidaron o Olmo como puideron e retiráronlle os arames que lle puxeron como se dun poste de luz se tratase e afogábao e coa forza e xermolar da primavera foi quen de renacer e agromar con forza para alegría de todos os que saben valorar un agasallo da natureza como son as árbores da nosa contorna e que só nos acordamos deles cando xa non estan ao noso carón. As árbores forman parte do patrimonio biolóxico e social da humanidade.

Tamén a vella Oliveira da Praza de España resiste aínda que a teñen como se fose unha cafetería e a utilizan de asento para tomar o café e verten os pousos e as sobras e vasos de plásticos nela. Bastou que os veciños sairan na súa axuda e pediran que a trasplantasen a un lugar máis acorde e que non estea engaiolada para que a teñan alí como un castigo. Ninguén entende que mal puido facer esa Oliveira para non ter perdón, malia que sexa unha vinganza contra os veciños por apiadarse dela escribindo no seu maceteiro e denunciando na prensa o trato que recibe a cotío a árbore de follas de prata.