Volveu suceder. Alguén arrincou o cartel que os veciños puxeran na derradeira carballeira do Gafos. Parece que alguén non quere que ese recuncho teña o nome dun dos máis grandes poetas nosos. Un día despois que os de Vaipolorío denunciasen que tiraran un banco de madeira ao río no día grande na historia do noso país veciño, cando celebra a Revolución dos Caraveis, en Portugal, despois de que hai uns días nós tamén celebrásemos a festa da cultura e lectura sacando os libros ao sol de abril na praza da Ferrería feita de pedra e camelia onde as badaladas da igrexa de San Francisco soan a poesía. Alguén que non le tira un banco que usamos todos e arrinca un cartel dun poeta que a ninguén facía dano.
Volveremos con esforzo a facer e colocar outro cartel de Carballeira de Manuel María, Poeta da Natureza, no mesmo recuncho a carón do río que sofre máis agresións medioambientais do país, onde lle roubaron a luz. Pensamos que o cartel non debería molestarlle a ninguén igual que o banco de madeira que utilizan a cotío os paseantes para recuperar folgos nos paseos. É moi triste ter que denunciar estes feitos nos tempos onde a xente máis libros le e ten máis acceso á cultura que nunca.
Está moi fermoso o paseo polas orelas do río do verde abril aínda que o río pola falta de chuvia non leve moita auga pero florecen os lirios narcisos e recende o mentrasto. Alegrounos moito aos veciños que a cotío frecuentamos o paseo ao ver que uns días antes de arrincar o cartel alguén lle pusera un ramiño de xestas floridas no cartel do poeta. Xa axiña virán ao río os rapaces a apañar fiunchos e flores ventureiras que agroman nas orelas do río para facer os Maios, cando estoupa a primavera e o mundo énchese de flores e as coplas das letras dos maios enchen o ar de poesía.
Nós seguiremos colocando o cartel do poeta na carballeira, pois por moitos carteis que arrinquen non poderán impedir que os veciños que naceron e xogaron ca campaña do marmurio do río poñan o nome dun poeta que escribía e defendía os ríos pequenos como o noso Gafos, que como o seu aló na Terra Chá no verán tocamos o fondo coa man, agardamos que o cartel que imos colocar teña millor sorte e as xentes que gozan dun recuncho tan fermosos da nosa cidade poidan seguir póndolle ramillos de xestas ao cartel,