Aínda ben que evolucionamos

18 de marzo 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Xuro que non tiña nin idea, cando comecei a escribir este artigo, de que o tema que vou tratar, e que me preocupa profundamente, estaba a ser obxecto de polémica, unha polémica protagonizada principalmente por un cantante trasnoitado, que non leva, semella, moi ben o paso do tempo, e que é, a día de hoxe, na miña opinión, algo así como un híbrido entre "señorito andaluz", pero dos rancios, e "machirulo" con pretensións de eterno "latin loverspandejavu>spandejavu>spandejavu>spandejavu>spandejavu>spandejavu>spandejavu>spandejavu>spandejavu>spandejavu>spandejavu>

Xuro que non tiña nin idea, cando comecei a escribir este artigo, de que o tema que vou tratar, e que me preocupa profundamente, estaba a ser obxecto de polémica, unha polémica protagonizada principalmente por un cantante trasnoitado, que non leva, semella, moi ben o paso do tempo, e que é, a día de hoxe, na miña opinión, algo así como un híbrido entre "señorito andaluz", pero dos rancios, e "machirulo" con pretensións de eterno "latin lover".

Patético, pero perigoso.

 

Dubidei e considerei a posibilidade de cambiar de tema, pero, finalmente decidín non facelo, porque creo que é importante, e que non se está a ter en conta o dano que pode chegar a causar ignoralo, así que aí vai a miña opinión.

 

Se hai algo do que nos gabamos, ou, mellor dito, moitos e moitas se gaban, porque é algo que, como se verá polo que vou a expoñer, non comparto, e de ter construído unha sociedade moi aberta, moi comprometida, na que, supostamente, todo o mundo ten o seu sitio, e na que se defenden todas as causas.

Diferentes identidades sexuais, celebramos o Día do Orgullo Gay, reivindicamos os dereitos das mulleres e saímos a rúa para demostralo, dereitos dos traballadores e traballadoras...

O dito, non hai causa que se nos resista nunha sociedade que é, din, por riba de todo, inclusiva, alomenos de boca para fora, e de cara á galería, porque, por desgraza, a realidade, en demasiadas ocasións, vén demostrar que tanta inclusión, tanto compromiso como se di que existe, queda en balas de fogueo, e limítase a postureo e a falar por non estar calados, que queda moi ben.

 

E, para exemplo, xa temos aí, á volta da esquina, un claro exemplo que se repite cada ano desde... nin se sabe! que culminará mañá, domingo, 19 de marzo, coa celebración do Día do Pai.

 

Deixando aparte os intereses comerciais máis que obvios que implican estas datas D, e que xa hai semanas que nos martirizan empeñados en colocarnos toda clase de agasallos para os pais, e dese argumento tan manido, pero tan pouco practicado, de que o verdadeiro agarimo se demostra todo o ano e non soamente un día sinalado, é verdadeiramente lamentable que, a estas alturas, en pleno ano 2023 se continúen fomentando estas datas, sen ter en conta outras implicacións que van moito máis alá do eido comercial, no que, ao fin e ao cabo, non se está senón tentando máais que facer aquilo para o que foi concibido: vender.

 

O que non ten xustificación, penso, é que se manteñan certas condutas noutros contextos, que se supoñen referentes, nos que deberían ter sido desterradas hai xa moito tempo, porque é moito o dano que poden chegar a facer, e estou a referirme, concretamente, ao eido escolar.

 

Non saio do meu asombro vendo como, ano tras ano, se segue a facer exactamente o mesmo que cando eu comecei a ir ao colexio, desde párvulos ata que fun estudar o bacharelato ao instituto, comezando desde días e días antes a confeccionar os agasallos para o día do pai, que saiamos exhibindo, orgullosos e con máis coidado de non estragalos que si portáramos unha cesta de ovos, a véspera do dia sinalado, na que os entregariamos aos nosos respectivos proxenitores.

 

As únicas excepcións nas que cabía na nosa cabeza que isto non se fixera era naquelas familias nas que, por desgraza, o pai falecera, en cuxo caso mirabamos o neno ou a nena orfos cunha expresión de compaixón soamente comparable a súa propia tristura, ou ben, e isto xa era case un segredo de estado do que non se podía falar máis que as agochadas, nas que alguén, xeralmente as nosas nais, nos contaban, moi polo baixiño, que Fulanita ou Menganito non tiñan papá porque "marchara" ou "estaba de viaxe", eufemismos cos que se tentaba evitar nomear unha separación matrimonial, que era a hecatombe, ou, peor aínda, aquelo de que ese neno ou esa nena era "fillo-a de solteira", que era, naqueles tempos, como se denominaba as mulleres que eran nais sen casar, e pouco menos que sinónimo de meretriz, por empregar, igualmente, un eufemismo.

 

Chegaron os 80, nos que eu xa vivín isto como nai, pero, ousada de min... separada! comprobando como seguía a suceder o mesmo, coa única diferencia de que, no caso do meu fillo, que non tiña nada claro que facer cun agasallo para un pai que estaba "de viaxe", semellaba que o mal era menor por aquilo de que, como lle dicían os "perdoavidas", virtuosos en arranxar as alleas e case sempre coas súas propias un tanto manga por ombro, que sempre houbo e haberá, "teu avó é coma teu pai", algo que eu sempre lle expliquei que non era tal, que me parecía estupendo que lle dese o agasallo en cuestión a seu avó, xa que era co que tiña relación cada día e que devecía polo seu neto, algo mutuo, hai que dicilo, pero que, malia que seu pai non estivera presente fisicamente desde había tempo, existía, e non implicaba, ademais, que non o quixese.

Obviamente deixei de lado outras cuestións que a el, pola súa curta idade, non lle correspondía aínda coñecer nin entender.

Sempre o comprendeu, como demostra a boa relación que ten a día de hoxe co seu pai, mais non podo esquecer, con mágoa, o mal que o fixeron sentir nalgún momento por ser "diferente" e a súa cariña de tristura.

 

E chegamos ao 2023, tras un longo camiño no que, evidentemente, a sociedade cambiou, e no que os modelos de familia tamén, sendo, por fortuna, moito máis amplos e demostrando que non soamente o modelo tradicional de pai, nai e fillos son os correctos, nin os únicos que funcionan.

 

Fogares nos que ambos proxenitores son do mesmo sexo, cun so proxenitor, nos que unha muller ou un home, tanto ten, deciden, en solitario, afrontar a crianza dun fillo... todos os modelos son iguais de válidos, ou deberían selo, cunha única norma en común para todos: Amar e eses nenos, a esas nenas, por riba de todo. Conseguir que se sintan queridos, arroupados, protexidos e comprendidos no seu fogar, sexa con quen sexa, porque isto, amor, comprensión, é o que precisan, e que lles ensinen, desde pequenos, a respectar, e a que os respecten.

Quen dixo ademais que modelo de familia é o correcto e cal non? Quen acuñou as normas?

 

Pero, nun escenario aparentemente tan plural e inclusivo, paradóxicamente, aínda se seguen a manter estas "tradicións" que fan que, ademais do bombardeo publicitario previo, cada 18 de marzo, os nenos e as nenas saian do colexio levando nas súas mans o agasallo "para papá", facendo que algúns deles se sinta francamente mal, e botando por terra o bo traballo da súa familia, en aras do fomento dunha hipocrisía que, en non poucos casos, agocha realidades totalmente diferentes do que se tenta amosar.

 

E non son estes os casos peores.

Como pensan, e a miña pregunta vai dirixida a todo o mundo, pero, moi especialmente a aqueles e aquelas que están a poñer o grito no ceo ante a posibilidade de non celebrar esta "festividade" e aos docentes que seguen instalados en épocas pretéritas.

Como cren que se senten tantos nenos e nenas que presenciaron como seu pai maltratou a súa nai, ou mesmo como a asasinou?

Tamén lles dicimos que hai que celebrar esta data?

 

Ou cando foron eles mesmos maltratados polo seu proxenitor... Tamén lle teñen que facer un agasallo ou unha festa?

 

Tan difícil é poñerse na súa pel, sentir unha elemental empatía con eles, cos seus sentimentos, coa súa dor?

 

Certo que, como din moitos partidarios de seguir mantendo esta festividade, sempre houbo e haberá nenos e nenas sen pai... Si, por suposto que si, pero non é o mesmo afrontar a situación para un neno cuxo pai morreu nun accidente, poño por caso, ou incluso que marchou, que para o que maltratou ou matou a súa nai, ou aos que foron eles mesmos maltratados.

 

Cada quen é moi libre de celebrar no seu eido privado o que lle pete e considere oportuno, pero non é de recibo, penso, que os centros de ensino continúen fomentando certas costumes que poden chegar a facer, e, de feito están a facelo, moito dano.

 

A sociedade mudou, para ben e para mal, de todo hai, pero o que non se debe permitir é que un eido como o ensino se siga recreando no pasado, por moito que llo reclamen aqueles que se empeñan en seguir reproducindo a imaxe da tradicional "familia perfecta".

 

Isto non vai de facer un "remake" de "La casa de la pradera", e a algúns dos que se empeñen en facelo, gustaríame preguntarlles: Que pretendedes demostrar?

 

Asociación Si, hai saída