Algo non me cadra!

06 de noviembre 2017
Actualizada: 18 de junio 2024

De todas as titulacións universitarias que se veñen impartindo no Campus de Pontevedra, é a de "Enxeñería forestal" a que menos prazas oferta e -a pesares diso- ano tras ano non se consegue chegar a cubrilas.

Vénse repetindo ano tras ano,… pero, con todo, non me cadra! Sigo sen atoparlle unha explicación que me satisfaga! De todas as titulacións universitarias que se veñen impartindo no Campus de Pontevedra, é a de "Enxeñería forestal" a que menos prazas oferta e -a pesares diso- ano tras ano non se consegue chegar a cubrilas.

Cal pode ser a razón que leva a esta deserción? Podería deberse á esixencia dunha elevada cualificación académica ás persoas que desexen cursar esta titulación, pero non é o caso; de feito, é das carreiras universitarias que menor nota de corte esixe. Se non me trabuco, abonda cun simple aprobado! Podería ser que non se considere unha facultade de bo nivel académico, pero está moi ben considerada nas avaliacións externas ás que foi sometida.

Sen dúbida, nun momento de crise, no que moita xente opta por matricularse naquelas titulacións que "a priori” ofrecen un futuro laboral seguro, a falta de interese do alumnado por estudar esta carreira permite deducir que "Forestales” non crea expectativas claras de saídas laborais. E chegados a este punto, é aquí onde menos me cadran as contas! Porque son moitas as voces que veñen insistindo no contrario, que presentan ao polo forestal como o motor económico da comarca de Pontevedra, como un "viveiro” de postos de traballo. E, claro, falan dun polo capitaneado por ENCE, que desde a "Cátedra ENCE” fomenta o emprego en Lourizán (tanto na fábrica como no Centro Forestal) e mesmo na Misión Biolóxica de Galicia (Salcedo).

E, sendo isto así, tendo Forestais todas estas vantaxes verbo do resto de titulacións, non resulta atractivo estudar forestais? A ver se vai ser que non é tan certo o que ENCE, os seus acólitos do mundo forestal e outras voces afíns, veñen afirmando ano tras ano?

Pois iso,…. que non me cadra!