Árbores que acariñan

05 de julio 2019
Actualizada: 18 de junio 2024

Dicía Joan Báez que é malo para a humanidade que a xente non aprecie a importancia das árbores

Coma se fose un faro que fai de guía dos peregrinos no Camiño Portugués cara a Compostela, aí está maxestoso na encrucillada das rúas recentemente remodeladas do Gorgullón e da Virxe do Camiño, onde nun tempo pasado houbo unha ponte de pedra e tamén unha caseta de arbitrios na que pagaban as taxas as leiteiras e vendedoras de produtos da horta que chegaban das parroquias veciñas, onde se marcaba a fronteira entre a cidade e o campo, loce unha maxestosa árbore, un Ficus.

Preto del atópase na tamén remodelada rúa do Mariscal Pardo de Cela outra árbore, un Olmo que fai sombra e compaña ao mural de María Vitoria Moreno que me dicía que esperaba non o cortasen nunca e cando lle chegase a súa hora e secase oxalá, como fixera Antonio Machado co seu poema "A un olmo seco", algún poeta dos nosos lle dedicase unha poesía.

En Galicia hai árbores que se consideran sacros, os Teixos, os Carballos, os Bidueiros e as Aciñeiras, que desde tempos inmemoriais os nosos devanceiros coidaron e veneraron con agarimo.

Unha árbore na cidade é fonte de natureza, refuxio de paxaros e embelecen dan sombra e melloran a calidade de vida.

Árbores que levan ao noso carón moito tempo e só nos damos conta de canto os botamos de menos cando os cortan e tronzan a paisaxe.

Na casa materna tiñamos unha maceira vella, un día secou e o noso pai tivo que cortala, a miña nai quedou moi triste pois durante un tempo un pequeno paporrubio que tiña acubillo na árbore andou desorientado dando voltas ao redor buscando a maceira que era o seu fogar e non o atopaba.

Dicía Joan Báez que é malo para a humanidade que a xente non aprecie a importancia das árbores.

Todos temos o deber de coidar, respectar e protexer as árbores da nosa contorna para poder obter delas todos os beneficios que nos ofrecen e cando unha morre plantar outra e si era moi apreciada darlle unha segunda vida en forma de escultura como fixo o artista Santi Castro co Cedro do Líbano nos xardíns de Belas Artes.


Antón Roel Villanueva