O seu labor foi moi duro e margo nun tempo difícil, mulleres de todas as idades pasaban horas enteiras a carón dos lavadoiros con frío, humidade ou calor, logo atender a casa e familia e coidar a terra. Lembro que miña nai e outras veciñas dos barrios de Virxe do Camiño e Gorgullón ían lavar nun lavadoiro que houbo na Ponte Boleira xunto a un muíño a carón do río dos Gafos. Cargadiñas cunha tina de zinc chea de roupa cun molido feito de trapos na cabeza de protección, sempre tiñan dor de lombo por mor da posición adoptada para lavar e na invernia as mans cheas de sabañóns e roxas pola lixivia que empregaban para branquear as sabas.
De cativos cando a nosa nai ía ao río lavar, e aínda que tiñamos que cargar cos caldeiros cheos de roupa, para nós era unha festa, sobor de todo o verán pois mentres as nosas nais lavaban nós xogabamos o bañabamos e facíamos todo tipo de falcatruadas. Na invernia cando chovía as mulleres garnecían debaixo da ponte, un poco máis adiante había o lavadoiro de Peilán con máis comodidades e cuberto, pero de pago, e miña nai coa familia numerosa e outras moitas non podían permitirse o luxo. Nós agardabamos xogando no muíño. A volta do río ao fogar, sobre todo na invernia, era moi duro, non secaba a roupa e pesaba moito, collíamos as sabas e as retorcíamos entre dous para escorrer a auga para que pesase menos. No verán era máis levadeiro pois estendían a clarexar as sabas nas pradeiras, nas beiras dos ríos, que de lonxe semellaban nevaradas. Nós tumbados no chan agardando un campo de mapoulas ollando pasar os estorniños e os debuxos efémeros que facían as nubes.
Á miña nai encantábanlle uns paxariños que revoloteaban e brincaba arredor delas e dicíanos que nos meteremos con eles porque chamábanse como elas, lavandeiras, e cando estaban significaba que a auga era limpa e podían lavar tranquilas. Cando chovía moito tiñan que deixar de lavar e reuníamonos todos no muíño e miña nai e outras veciñas cantaban unha fermosa cantiga con verbas arroladoras que moito temo despois soupen que era da noda poeta Rosalía de Castri, que dicía: Dura Sen Enganos Canta Canta Garruleira. O Pe Da Verde Silveira. Lavando Os Seus Brancos Panos. O Son dos Rumores Vanos. Que Nacen da Mañanciña. Lava Lava Na Fontiña.
Agora os veciños e veciñas das rúas Virxe do Camiño e Gorgullón e a súa contorna, para cando o tempo nos deixe sen memoria, va colocar unha placa na Ponte Boleira en homenaxe e recordo daquelas heroínas anónimas que en tempos moi duros de pan de figo e xabón Lagarto viñan lavar neste recuncho do río dos Gafos cando as lavadoras nas casas dos pobres aínda eran unha utopía. Naquel tempo o río era riqueza e todos o coidaban. Nós en canto puidemos, en agradecemento, o que fixemos foi consentir tapar un tramo no seu paso por Campolongo porque esquecémonos de que nos dos, e así tapado non temos que coidalo e limpalo privando ás novas xeracións de desfrutar un río fermosísimo como fixeron nosos antergos e tamén nós. Aínda estamos a tempo de destapar o tramo cuberto do río dos Gafos.