Así non imos a ningures

22 de enero 2022
Actualizada: 18 de junio 2024

Hai unha poucas semanas que me referín, neste mesmo espazo, aos riscos que poderían implicar, en non poucos casos, esas novas medidas adoptadas en materia de violencia de xénero, por mor das cales as vítimas poderían ser declaradas como tales polas diferentes administracións, sen necesidade de que haxa denuncia, co fin, se supón, de que poidan optar as diferentes axudas sen pasar por este transo, que é, sen dúbida, penoso e difícil

Hai unha poucas semanas que me referín, neste mesmo espazo, aos riscos que poderían implicar, en non poucos casos, esas novas medidas adoptadas en materia de violencia de xénero, por mor das cales as vítimas poderían ser declaradas como tales polas diferentes administracións, sen necesidade de que haxa denuncia, co fin, se supón, de que poidan optar as diferentes axudas sen pasar por este transo, que é, sen dúbida, penoso e difícil.

Desde Si, hai saída xa expresamos as nosas dúbidas en relación con estas medidas xa que, se ben é certo que, na superficie, pode parecer a mellor das solucións, e, desde logo, a mais "atractiva" e mesmo a mais lóxica para todos aqueles que non coñecen en profundidade a realidade da violencia de xénero, e que, desde logo, xera unha considerable corrente de "simpatía" para as forzas políticas que as promoven, non podemos por máis que amosar a nosa profunda preocupación pola outra cara da moeda, a que ninguén semella querer ver:

A desprotección a que queda exposta a vítima sen que exista esa denuncia, e sen posibilidade, porén, de que se adopte ningunha medida de protección para ela, mentres o seu agresor segue libre, por moi perigoso e agresivo que sexa.

Pois ben, hai poucos días, atopei,por pura casualidade, un programa de televisión no que se tocou este tema, tamén por casualidade, xa que non era o que se estaba a tratar, pero que deixou perfectamente claro o que acabo de explicar.

O asunto a debater era un que está tamén de plena actualidade, o "fenómeno okupa", e participaban, entre outros, a propietaria dunha vivenda que non conseguía botar os seus inquilinos, unha parella aos que ela definía como "inquiokupas", que non lle pagan o aluguer desde hai case dous anos, e un xuíz.

A muller explicaba que lles alugara a vivenda, destinada en principio a segunda residencia, porque precisaba os cartos, xa que a súa economía se vira seriamente resentida pola pandemia.

Malia que, inicialmente, a parella pagaba puntualmente, comezou a acumular atrasos nos pagos, ata que, finalmente, deixaron de facelo definitivamente.

Despois de varios intentos, segundo explicou, de chegar a un acordo, e de promesas incumpridas de poñerse ao día canto antes nos pagos por parte dos inquilinos, vendo que a situación non tiña visos de solución, procedeu a interpoñer unha demanda, que tivo como resultado que se programara un desafiuzamento expreso.

Para a súa sorpresa, na data sinalada para executalo, non foi posible, xa que a inquilina aportou a acreditación das administracións de ser vítima de violencia de xénero, polo que continuou, e aínda continúa, a día de hoxe, na vivenda, pero, ollo!, segundo as testemuñas dos veciños e da propietaria, o fai co seu presunto maltratador, que, de ser certo o que manifestan, de presunto ten pouco ou nada, xa que os berros, as pelexas e os golpes que evidencian que a muller está a ser agredida, se escoitan continuamente.

Isto ten, como era de agardar, dúas lecturas.

Por unha banda, están os que tachan a esta muller, a inquilina, de todo, e nada bo.

De desvergoñada, de aproveitada... incluída a propietaria da vivenda, que, malia non utilizar termos tan grosos, si que se laiaba, e non lle vou quitar a súa parte de razón, de que ela non é responsable da situación desta muller, que non ten obriga de mantela, e menos aínda cando ten constancia da convivencia da parella, un argumento este que moitos comparten e que é, ademais, a escusa perfecta para reafirmar os de todos aqueles que cuestionan as vítimas de violencia machista e que non dubidan en afirmar que practicamente todas menten.

Pola outra, está a minoría, que non ve, ou non quere ver, que, efectivamente, esta muller pode ser unha desaprehensiva, pero que non se paran a considerar nin por un segundo a posibilidade de que pode estar a ser obrigada a ficar na vivenda polo seu home, que está en perigo, e que non se pode facer nada para axudala porque non existe denuncia.

Non pode ser protexida, non se pode solicitar unha orde de afastamento... medidas estas que, non soamente poderían quen sabe se salvarlle a vida, se non que tamén, coa intervención xudicial, axudarían a resolver o problema da vivenda.

Nin un so dos veciños que din escoitar as agresións están dispostos a chamar a policía cando isto sucede, nin moito menos a presentar unha denuncia, algo que, tal como lle recordou o xuíz á propietaria da vivenda, non soamente pode facer calquera, se non que é unha obriga que todos temos.

Se se queixan dos ruídos e as molestias que as pelexas lles causan, pero para nada pensan na posibilidade de que tal vez estea nas súas mans evitar unha traxedia... A eles que máis lles ten?

Tampouco a propietaria a considera para nada, malia que o mesmo xuíz chegou a insinuarlle que se achegase á vivenda co fin de gravar algún destes episodios, e acudise posteriormente a presentar unha denuncia, para que, polo menos, se abra unha investigación, pero nin de lonxe.

É preferible ir a contalo á televisión, algo que xa semella que se converteu en algo recorrente, que soluciona todos os conflitos, ignorando a lei, a xustiza, e canto recurso coherente e legal poida existir.

Este é tan só un exemplo real dunha das consecuencias que pode traer ignorar a denuncia, entre outras, porque aos nosos políticos, ou alomenos a gran parte deles, o que máis lles preocupa é a procura de votos, a costa do que sexa, e, naturalmente, nisto vai incluído adoptar medidas que, sen dúbida, proporcionan popularidade.

Carecen, ademais, da humildade que lles permita recoñecer que, por moi bos políticos que sexan, que o serán, non digo eu que non, non poden saber de todo, tampouco no que atinxe á violencia de xénero, e tentar achegarse a realidade, falar con quen a vive de primeira man, non soamente non os deixaría en mal lugar, nin os faría de menos, se non que, pola contra, a inmensa maioría os valoraríamos, os respectaríamos moito máis e mesmo poderíamos crer neles, algo que cada día se fai máis difícil, por non dicir imposible, vendo como o seus intereses, a súa ansia de poder, son o que guían todas e cada unha das súas accións.

Aínda non vimos, nos case 8 anos que levamos traballando en Si, hai saída, unha soa cor política que se moleste en pescudar por que case todas as vítimas de violencia machista rexeitan rotundamente denunciar, ou as razóns reais polas que tantas e tantas non continúan adiante unha vez que o fan.

Oxalá amosaran nisto a metade do interese que poñen en saír na foto ou en aparecer na primeira fila dos minutos de silencio cada vez que a violencia de xénero se cobra unha vida, e o mesmo se pode dicir dalgúns colectivos, que se consideran referentes, que tanto falan de empoderamento, de loita contra a violencia machista, pero que se limitan a iso, a falar, e, por suposto, a deixarse ver.

Un concepto bastante particular de loitar.

Así as cousas, por desgraza, o único que queda claro é que, de seguir así, algo que é obvio que vai pasar, se é que as cousas non se poñen aínda peor, o que será inevitable de continuar fomentando a impunidade dos maltratadores, sendo esta unha consecuencia garantida da ausencia de denuncias, e que, deste xeito, non imos a ningures.

Asociación Si, hai saída