Cando o río era un punto de luz

15 de septiembre 2020
Actualizada: 18 de junio 2024

Setembro, no tempo dos figos, cando maduran as uvas e adquiren a cor do ouro vello, un grupo de homes, mulleres e nenos volvemos nunha andaina ao río dos tempos dourados da infancia, o tramo cuberto do Gafos.

Esta vez imos con máscara e gardando todas as medidas por mor da pandemia, con lanternas e botas de auga. Imos darlle folgos ao río e dicirlle que xa pronto poderá recuperar a liberdade como un río normal, cheo de vida como era fai cincuenta anos, esperando que esta sexa a última vez que o vemos sen luz nin vida preso nun cadaleito de cemento e formigón.

Xa á primeira hora da mañá do domingo homes e mulleres da asociación Vaipolorío con fouces e anciños limpaban de silveiras e restrollos o sendeiro para que en puidésemos acceder ao río sen perigo e colocaban unha escaleira para baixar ás entrañas do Gafos . 

Era a segunda vez e aínda así é moi difícil afacerse á tristeza, desolación e escuridade que transmite un río sen vida, decatarse de que sen luz que acariña nada da natureza sobrevive.

Alí imos todos en silencio como nun carreiro de formigas alumados coa luz artificial das lanternas. Ao pouco tempo da andaina xa estabamos a desexar atopar un punto de luz que nos saque daquel inferno onde só escóitase o triste murmurio do río co seu paseniño devagar, como nós buscando un pouco de luz e mornura, desexando atopar pronto ao lonxe a luz do faro que nos guíe na saída daquel túnel camiño da súa desembocadura na Moureira.

Un río é como unha flor aberta onde pousan as bolboretas e os paxaros, baixan das árbores para beber, remollarse e gozar da súa frescura nos tempos da calor, onde crecen as flores ventureiras que dan sustento ás abellas, onde as avelaíñas e morcegos é posible velas nas noitiñas cando escentilan as estrelas. 

Un río é un verxel de vida onde cando se retira o sol os vagalumes ofrécennos a súa luz guiándonos polas beiras, co aroma a fiuncho e mentrasto polos campos de mapoulas, lirios e narcisos. 

Un río que foi fonte de riqueza e abundancia para os veciños, con muíños e lavadoiros. 

Canto nos perdemos ao ter un río ao noso lado tapado, cando nos imos a decatar de que un río non lle pertence a ninguén. Xa fluía libre moito antes de que chegásemos nós, que os nosos antergos respectaban e coidaban por ser fonte de riqueza, que un río tapado nunha canle non serve para nada, nin as ratas viven nel.

Só cincocentos metros que naquela escuridade e falta de vida parecen moitos máis, é como viaxar por un sumidoiro, como toupeiras sen luz, ninguén pode imaxinar tanta crueldade cun río que sempre deu acougo a peregrinos e alivio para os leprosos que curaban as súas feridas coas súas augas para poder entrar na cidade, de aí o seu nome.

Un río que levou toda a vida auga ás colleitas, aos lavadoiros e muíños, e riqueza aos veciños. 

Agora que os tempos mudan e dámonos conta de que non podemos vivir de costas á natureza é tempo suficiente para liberar ao río que está máis preto do noso corazón pois nos tempos dourados da infancia sempre estivo ao noso lado.

Un río é un tesouro natural e temos que destapalo para gozar da súa beleza, tapalo é unha crueldade que xa dura dabondo.