Se cadra chame a atención de moitos veciños e veciñas que Marín tivese nas primeiras décadas do século XX un importante movemento agrario. Foi a finais do século XIX cando se forma a primeira sociedade de carácter labrego no concello, influenciado unha vez máis polos republicanos e socialistas de Pontevedra e que contou cunha oposición feroz dos elementos máis reaccionarios da igrexa católica e da burguesía máis conservadora, pois ollaban como a súa influencia sobre o pobo decaería.
Máis non sería até pasar varios lustros cando podemos falar dun movemento agrario forte en Marín, habendo momentos no que coexistiron máis de media ducia de sociedades agrarias no termo municipal. Unha delas, ao meu entender a máis interesante, foi a Liga de Agricultores de Marín, legalizada en 1915, tivo a súa sede en Soaxe e o seu espazo de traballo no territorio da actual freguesía de Seixo.
Entre os fins da sociedade estaba a defensa dos intereses dos agricultores mais tamén outros asuntos relacionados coa parroquia como a construción de escolas, estradas... e nunha visión moderna para a época, preocupábase pola realización de infraestruturas para o desenvolvemento do turismo, que consideraban unha fonte importante de ingresos. Tamén a formación dos seus socios era de interese social como foi a adquisición dunha biblioteca.
Foi o xerme principal da Federación Municipal Agraria de Marín e esta a súa vez da Federación Agraria do Morrazo.
Entre os marinenses que ocuparon a súa Dirección pódense nomear a Manuel Cerqueiro Quiroga Fungueirazos, Antonio Ventura Blanco Bernárdez, José Guimeráns Crespo, Francisco Carballo Iglesias e Manuel Carballo Piñeiro.
Cun claro poso ideolóxico, apoiou a candidatura republicana-socialista para as eleccións municipais do 12 de abril de 1931 inclinando claramente a balanza cara esta opción pois na circunscrición electoral de Piñeiro-Ardán, e co apoio da Unión de Agricultores e Obreiros de Ardán, conseguiron unha importante vitoria sobre a candidatura monárquica colocando ao final a 4 concelleiros agraristas na corporación municipal de Marín e conseguindo a vitoria para a conxunción republicana-socialista-agraria.Este apoio verificaríase en 1933 ao manifestar as súas simpatías polo Partido Radical Republicano e en 1936 polo apoio dado por Antonio Ventura Blanco aos Centristas de Portela Valladares.
Tras comezar a Guerra Civil os seus dirixentes estiveron no punto de mira dos sublevados fascistas, mais a idade avanzada de moitos favoreceu que non houbera represión contra eles agás no caso de Antonio Ventura que tras unha ameaza de paseo tivo que exiliarse na Arxentina durante moitos anos. A sociedade foi ilegalizada polos sublevados en 1936.