Chove no río dos Gafos que tanta falta lle facía, o que asemellaba un regato agora paseniño pinga a pinga vaise asemellando a un río que promete neste ano as sete enchentes que tanto sona lle deron noutro tempo, cando moita xentes da contorna vivía da súa riqueza e as colleitas eran abondosas, traballaban arreo os muiños e os lavadoiros non tiñan falta de auga.
Chove e as pingueiras que caen das follas das árbores regan as maceiras de río, os loureiros e outros árbores que plantaron os cativos das escolas nas beiras do río guiados polas xentes da asociación Vaipolorío. Chove polos azós das uvas, caiño, treixadura, godello e albariño da cor de ouro vello. Chove polos liríos brancos que florecen entre as herbas invasoras. Chove polas mazurcas de millo, polos praderíos que ata agora eran marróns e xa reverdecen onde na primavera florecen as mapoulas e noutro tempo as mulleres que lavaban a roupa nos lavadoiros poñían a roupa a clarexar.
Chove e escoitase o murmurio do río devalar, onde os paxaros que xa albiscan a outonía buscan entre as polas das árbores a mellor sitio para facer o seu niño para garnecerse da choiva e temporais e escapar do ocupa o cuco. Axiña as follas comezan a pintarse de cores antes de caer ao chan e marchar co vento. Chove sobre o merlo reidor. Chove e fai brillar o lombo negro dos corvos de pico amarelo, as pegas rabilongas, os gorrións e as lavandeiras- Chove e da vida a os peixes que reviviron coa auga e neste verán o pasaron mal. Chove e a auga e o vento tiran ao chan os primeiros ourizos das castañas.
Chove e as pingas de auga dan vida á natureza e apagan os lumes que desertizan os montes onde na invernía florece o acivro e acouga o cogomelo. Chove, as pingas caen a carón do río como versos do poeta da natureza Manuel Maria na carballeira co seu nome no Gafos. E séntese feliz porque xa ten ao seu carón a súa compañeira da ialma, Saleta. E dende esa atalaya privilexiada do ceo ollan como paseniño vanse rexenerando os montes do Caurel e a Terra Chá, onde por mor da vaga de lumes arderon centos de árbores centenarios que eles tanto loubaron e querían.
Chove e dende os cristais das fiestras enreixadas de chuvia contemplase un mar de paraugas de todas as cores. Chove e lavan as pedras milenarias da cidade e fainas brillar. Chove sobre os camelios e magnolios agardando o seu tempo de saír e ofrecernos a beleza das flores de inverno. Chove e asemella auga bendita que rega carballeiras e praderíos sen cor pola seca. Chove e énchense os encoros que afastan o perigo de restricións. Chove e como sempre imos chegar a aburrirnos dela, pero neste intre Deixa que Chova que, como di o refraneiro popular, nunca choveu que non escampara e axiña chega a locomotora das castañas asadas que é pregoeira da invernía.