Cividanes é un apelido galego de natureza toponímica. Como outros apelidos da nosa terra, atópase deturpado da súa forma correcta, como acontece con Barraganes, Triñanes ou Sabajanes que deberían ser Barragáns, Triñáns ou Sabaxáns. Estes apelidos galegos foron desnaturalizados como outros moitos: Otero por Outeiro, Montero por Monteiro, Villar por Vilar, etc por unha imposición de españolización e desgaleguizadora exercidas polas elites políticas dominantes: notarios, clérigos, funcionarios, etc e non polas propias familias.
Cividanes ten dúas orixes ben distintas, unha procede do lugar de Cividáns, en Salcidos (A Guarda) e outra, máis minoritaria, que toma o nome do lugar de Cividás, en Serantes (Oleiros).
O camiño non está dedicado José Cividanes, senón que se popularizou co seu apelido. Tendo en conta que a Lei de Normalización Lingüística afirma que os topónimos teñen como única forma oficial a galega, o lóxico sería corrixir o nomenclátor e pasar a denominarse "Camiño de Cividáns", pois as orixes do avogado procedían da Guarda.