Cóllese antes a un mentireiro que a un coxo, ou o que ten cu ten medo.
(Ditos populares)
Votei sempre desde as primeiras eleccións democráticas en España, aquelas do ano 1977. O mundo cambiou moito desde o ano 1977, daquela os mitins enchíanse de xente que quería escoitar aos cabezas de lista para ver as súas propostas. Enchían as grandes figuras (mediáticas) e tamén os cabezas de lista provinciais cando ían a lugares pequenos. Pouco a pouco foise esmorecendo a asistencia a este mitins. Os medios de comunicación ocuparon os lugares. Nomeadamente os xornais foron ocupando os espazos dos partidos, logo, tamén as televisións. O poder dos medios é tan forte que o que nos queda é, ou ler o programas enteiros, o ter debates entre os cabezas de lista e ver o que ofertan e/ou o que fixeron, contrastar ideas.
Foi por iso que estiven atento ao debate que se celebrou na TVG. É sabido que a CRTVG, e nomeadamente a TVG, dominada polo PP, convertida no seu instrumento de propaganda. Incumpren a Lei de Medios de Galicia todos os días, director xeral a dedo, non hai nin consello de informativos nin estatuto de redacción. O colectivo Defende a Galega leva máis de 300 "venres negros" denunciando a manipulación do PP. Con este panorama o PP preparou o debate, o único debate. Xogaba na casa. Sentín vergoña allea que no predebate, no postdebate e na información da TVG ao día seguinte. Os había dous tertulianos (por chamarlle dalgún xeito) e un presentador que máis opinar o que eran é voceiros doPP, sen escoitar aínda do que se ía falar alí xa opinaban en contra (de que? Do que non sabían). Comeza o debate e o que ía ser un paseo triunfal para Rueda converteuse nunha tortura. Rueda sabe que estas deseñáronas en Madrid, e en Madrid nunca entenden que somos distintos, que o que vale aquí non vale alí. Planearon o debate no que Rueda falaría que ou gañaba el só, ou había un cuatripartito a matar entre eles. As normas impuxoas o PP, non deixou que estiveran Vox ou Democracia Ourensá . Cando se inicia o debate comeza a manipulación, nas presentacións, cando presentan a Ana Pontón, do BNG, non aparece ela en pantalla, aparece Besteiro do PSOE. Rueda e Feijóo non tiñan planeado un debate de "todos contra Rueda". Non sei quen foi o asesor espabilado. Saíulle o tiro pola culata. Cada partido defendeu as súas propostas contrapoñéndoas cas do PP, ou máis ben destacando o que o PP, de Feijóo primeiro, e Rueda despois, non fixeron en 15 anos. A medida que ía avanzando o debate a cara de Rueda era un poema. Notábase só, abandonado, con cara de medo, asustando. Vimos un Rueda desganado, cansado ata o punto que nunha das propostas que levaba, que era a ampliación da eliminación do imposto de sucesión e patrimonio no soubo defendela e púxolle en bandexa a resposta aos outros que lle botaban en cara que era "eliminar impostos aos ricos". Daba a impresión de que non o preparara, que ía cumprir un trámite e punto, non ía haber máis debates con el, zafaba deste e a outra cousa. E veña a cumprir ordes que veñen de Madrid, que si ETA, que si Bildu e que si Puigdemont, nese plan deseñado na rúa Génova, de Madrid, para eliminar o sanchismo. Esquecíase que o que se xoga nestas eleccións é o futuro de Galicia e non de Pedro Sánchez.
O resto dos participantes no debate non defraudaron. Ana Pontón no seu papel, fixo o que se esperaba dela, foi "in crescendo", representou o papel de ser a alternativa ao goberno do PP, coñecedora do país e con alternativas para cada cousa, destacar a cantidade de veces que usou a palabra diálogo e negociación, vese presidenta. Besteiro, no seu estilo, estivo moi correcto, coñecedor dos temas, claro nas propostas, Rueda non soubo atacarlle. Marta Lois tiña un papel complicado, ser socia do PSOE no Estado, ter enfronte ao BNG e a súa excompañeira de Podemos, foi de máis a menos. Isabel Faraldo non tiña nada que perder, non se saíu do seu papel reivindicativo.
Estes días estamos vendo desembarco de persoeiros da política madrileña arreo, dun lado e máis doutro. Veñen ministros e ministras. Caravanas con Feijóo e Rajoy e presidentes das comunidades autónomas onde gobernan. Yolanda Díaz con ministras de Sumar. Podemos trae ás súas cabezas máis importantes como Ione Bellara e Irene Montero. Saen todos nos "papeis", nas televisións do estado e na TVG. Todos traen, agás o BNG. Ana Pontón ten cara de presidenta. Non lle debe pleitesía, nin pedir permiso, a ninguén de Madrid. O BNG tamén ten apoios de fóra, mais non se ven reflectidos nos xornais de papel de Galicia ou na TVG. Mandaron apoios ao BNG xente como Pepe Mujica, expresidente do Uruguay, tamén o premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel, Ignacio Ramonet exdirector de Le Monde Diplomatique, e tamén de aqui como Carme Santos Queiruga exsecretaria xeral de Podemos en Galicia, Antonio Durán "Morris" e outras máis. Nas rúas síntese un ruxe-ruxe de gañas de cambio. Gañas de ter unha presidenta.
Estas son unhas eleccións distintas a outras. A esquerda vai moi dividida e non vou ser eu quen diga que algún se retire, non, cando un legaliza un partido parece obvio que unha das obrigas é presentarse ás eleccións, a todas. Mais neste caso vense candidaturas que actúan máis por marcar territorio que polo que pensan acadar, alá eles. Ana Pontón e as súas están fortes, vense gañadoras pero teñen que buscar os votos ata o derradeiro día porque a campaña vaise a emporcar e moito. Nos emporcamentos son moi especialistas no PP, nomeadamente Rueda, si, el. Foi quen argallou a campaña, de mentiras, na que Feijóo gañou a súa primeira maioría.
Gañaron a base de mentiras, apoiados polo periódico de papel de máis tirada de Galicia, con sede na Coruña. Mentiras como as dos eólicos, o de tratar a Anxo Quintana como maltartador, tamén apareceu polo medio ETA e Bildu. Poderíamos poñer moitas máis mentiras, pero é o mesmo. A máis sonada foi a dos Audi. Eu no daba creto xa que en esa época eu traballaba en san Caetano (oficinas da Xunta), tiña a praza de garaxe a carón dos Audi que comprara... Manuel Fraga comprara oito Audi, agora estaban cheos de po no garaxe, os conselleiros do bipartito PSOE-BNG andaban en C5, e Touriño só comprara un Audi. A xente acabou crendo a mentira e gañou Feijóo. Nestas eleccións Galicia xógase o seu futuro. Rueda non vale para Galicia, sempre chega tarde: No digo eu, dino as súas fillas. Así nos vai en Galicia con Feijóo-Rueda sempre chegamos tarde a todo, sempre quedamos atrás, non hai máis que comparar os datos co resto de España, si nos comparamos cos datos medios europeos podemos asustarnos
Esta campaña tráenos moitos paradoxos. Alfonso Rueda vive en Pontevedra na rúa Perfecto Feijóo. Iso deber ser o que fai que sexa unha persoa gris, triste, ou triste e azul como o gato de Roberto Carlos. Non é bo vivir á sombra doutro e menos ver como a contrincante mellor situada lle pasa por diante nas enquisas en todas as valoracións, sobre todo porque a xente di que Ana Pontón sería que mellor defendería os intereses de Galicia, e Ana Pontón pónselle cara de presidenta cada vez máis
Acabo de saber que a dirección dos PP estaría disposta a estudar, como alternativa á amnistía, a posibilidade dun indulto a Carles Puigdemont. Sabemos que houbo encontros con Junts para que apoiaran a investidura de Feijóo e, coñecendo como coñezo a moitos de Junts, seguro que teñen gravado o encontro e igual hai máis. Esta semana vai haber movida para explicar todo isto e ímolo pagar en Galicia. Vai ser unha semana de moita tensión, de moitas mentiras apoiadas pola prensa amiga e a TVG. Rueda non que debater con ninguén. Como dicía miña avoa Pepa a Chicha "cóllese antes a un mentireiro que a un coxo", e se non debate "o que ten cu ten medo". Gustaríame ver a unha muller Presidenta da Xunta de Galicia. Ana Pontón do BNG, en coalición co Besteiro do PSOE, pode ser esa muller. O domingo votamos. O luns falamos.