Como folerpas de neve

08 de marzo 2018
Actualizada: 18 de junio 2024

Marzo, cando recordo no Día da Muller que deberían ser todos dunha persoeira entrañable da nosa infancia e adolescencia: Carmen Romero, a nosa Emperatriz.

Marzo, cando caen as follas dos magnolios como folerpas de neve formando ao redor un manto vexetal. Unha alfombra de cores coas flores que caen dos magnolios e camelias nas Palmeiras. Cando recordo no Día da Muller que deberían ser todos dunha persoeira entrañable da nosa infancia e adolescencia: Carmen Romero, a nosa Emperatriz.

Foi no río dos Gafos, un paxariño, seguramente un ferreiriño, tirado no chan á carón dunha rama dun ameneiro que rompeu o vento e tirou ao chan o niño. Niso apareceu ela, a nosa Emperatriz, e púxose a acariñar ao paxariño con toda a tenrura do mundo. Era un día gris de inverno e apareceu como a primavera chea de cor e alegría, coa pamela branca e vestido rosa, chea de abelorios, xoias e diadema de carey, rompendo coa tristura da paisaxe.

Cando marchou unha señora díxome mirando para ela "pobriña da tola". Agora, cando xa pasou tanto tempo, penso que os tolos e as tolas eramos os demais, un verso solto dun poema triste coma unha mapoula na auga.

Tempo despois volvina a atopar xa maior, sentadiña nun banco na Praza de Galicia, despois dun recital de poesía mirando embelesada como un ferreiriño voaba de rama en rama ata que se pousou ao seu lado na rama dun freixo, sabendo que con ela non corría perigo. De lonxe escoitábase o murmurio do seu río dos Gafos, agora tapado e sen luz, co sorriso nos beizos seguramente pensando na liberdade do paxariño para facer o que queira igual que ela, como os estorniños cando voaban libres xogando ás agachadas coas nubes nun ceo máis azul e máis ceibe. Alí quedou sentadiña a debullar nos recordos.

Coma unha moderna Penélope agaradando un tren que xa facía moito tempo pasara, a nosa Emperatriz unha muller libre que sempre quixo vivir como ela quixo, fóra do rabaño e sen prexuízos. Nun tempo no que as mulleres non tiñan tanta liberdade ela foi unha pioneira. Nun tempo gris poñía cor, igual que os magnolios e camelias cando florecían naqueles longos invernos. 

Agora no Día da Muller acórdome da miña nai que sempre nos berraba cando de nenos faciamos unha burla dela dicíndonos que ela a coñecía de estudar xuntas e era unha muller moi lista, pioneira en conseguir un título de licenciada, e rebelde, naquela época espertaba moita envexa e tratábana de tola.

Agora, cando xa non está entre nós, pois ata niso tivo mala sorte pois ela que foi nun tempo a luz da cidade foi a morrer ao exilio de Ribadumia, lonxe da terra que quería, é de xustiza acordarnos no Día da Muller de Carmen Romero, a nosa Emperatriz.