Como xirasois cegos

03 de abril 2020
Actualizada: 18 de junio 2024

Eiqui seguimos agardando que pase todo, di un refraneiro noso que nunca choveu que non escampara e niso estamos. Nunca un piso pequeno foi tan grande, nunca un balcón de catro pasos serviu para tantos aplausos e mostras de solidariedade, nunca se sentiu tan cheo de vida

Eiqui seguimos agardando que pase todo, di un refraneiro noso que nunca choveu que non escampara e niso estamos. Nunca un piso pequeno foi tan grande, nunca un balcón de catro pasos serviu para tantos aplausos e mostras de solidariedade, nunca se sentiu tan cheo de vida, paseando por el recorrin praias imaxinando a cadela da miña filla correndo tras as gaivotas ou na Illa do Cobo tirándose ao rio detrás dos parrulos ou xogando con outros cans e correndo polos pradeiras detrás das bolboretas. Dende cada balcón nestes dias imaxinamos todos os recunchos do mundo que nos quedan por ver.

Nestes días de primaveras roubadas e flores do frio, corremos de fiestra en fiestra aproveitando as raiolas de sol que nos acariña, eu que fun un neno da rúa que difícil e para os cativos estar pechados nun espazo pequeno non poder saír a xogar aos parques e as rúas. Que dificil nestes dias para os pais e nais entretelos para que non se aburran, que dificil é esplicarlle a un neno que non pode ver a os seus amigos e abrazar os avós e cando algun membro da familia ten que saír como explicar que non pode levalos.

Nunca os días foron tan longos, pasear, ler, ver peliculas, escoitar as noticias que nos deprimen cando vemos que nosos maiores que o deron todo por nós agora morren sós nas residencias sen a compaña dun ser querido que aprete súa man no derradeiro alento, nunca os cimiterios foron tan baleiros e tristes sen ninguén que poña flores, que lentas se fan as horas agardando saír ao balcón, aplaudir e sentir que hai vida fóra, nunca valoramos a liberdade e a natureza ata que a perdemos.

Xa queda un día menos para a esperanza, agardanos tempos en que se van esgotar os abrazos e bicos, a maioria deles irán para o persoal sanitario, médicos, enfermeiras, celadores, xentes da limpeza, dos supermercados, trasportistas, etc., todos os heroes que nos fixeron o encerro máis levadeiro, cando saiamos desta que imos saír seguro, imos esgotar as mostras de cariño e solidariedade con todos e todas que arriscaron a súa vida por nós. Imos ser campións do mundo de abrazos e bicos.

Que sós quedaron os parques infantís,e as rúas cheas de vida, e os paseos, os teatros, os cines, os centros de ocio... Murchan as flores sen ninguén que sinta o seu recendo e aprece a súa beleza, que triste o rechouchío dos paxaros sen que ninguén os escoite estrañados do silencio. Xa ninguén bota migallas de pan ás pombas nin aos parrulos.

Cando saiamos desta xa agromaron e floreceron plantas ventureiras no Gafos, nas beiras cheas de Lirios, Narcisos e o Fiuncho para os Maios. Ánimo e Afouteza, xa queda menos, xa case reverdeceron todos os Freixos que todos os dias vexo pola fiestra.